
O Concello de Viana do Bolo montou un posto no Salón Internacional de Turismo Gastronómico “Xantar” no que promove as actividades para o Entroido 2017. Presidido por un boteiro, este posto de información pretende ser unha achega para que a xente que acuda ao salón coñeza a tradición e as delicias deste festexo que atrae a numerosas persoas a esta localidade. Pero os boteiros non son o único atractivo que ten o Entroido de Viana. En palabras do seu alcalde, Secundino Fernández, o Entroido para a Xente de Viana “é máis que unha festa”, vai no propio ADN. O rexedor asegurou que despois do Nadal xa comeza a febre do folión e logo “xa non digamos os días como o domingo gordo ou os xoves de compadres e comadres”. Fernández convidou a todo o mundo a que se achegue a esta localidade para gozar “dun espectáculo magnífico e moi visual”.



