SanidadeÚltima horaVídeos

Asilival solicitará reunións co Clúster da Pizarra e co Sergas

A Asociación de Silicosis de Valdeorras celebraba este xoves unha nova concentración diante do Hospital do Barco para pedir un neumólogo fixo neste centro

 

A Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) segue firme na súa demanda de que se dote dun neumólogo permanente ao Hospital Público de Valdeorras, no Barco. Así o demostraban, un xoves máis, na concentración que celebraban ás 11h. diante deste centro. “Xa contamos cun neumólogo cada quince días, algo que non tiñamos antes, pero temos que seguir na loita o que queremos é un neumólogo continuamente no hospital, esperemos que haxa avances”, incidía o presidente de Asilival, Jose Rodríguez.

Durante a concentración, Rodríguez tamén informaba de que a directiva da asociación vai solicitar unha reunión co Clúster da Pizarra de Galicia e co Sergas para que se lles informe do falado na visita do conselleiro de Sanidade a Valdeorras en xaneiro, na que ambas partes valoraron a posibilidade de que o Sergas realice os estudos e informes de recoñecemento da silicose como enfermidade profesional, para, deste xeito, evitar que as persoas que residen en Galicia e padecen esta doenza teñan que desprazarse a Asturias para facer os exames.

 

 

O presidente de Asilival lembraba a importancia de manter as concentracións semanais diante do hospital para darlle visibilidade á problemática da silicose e ás demandas da asociación, indicando ademais que son moitas as persoas por esta doenza en Valdeorras. Por iso agradecía a presenza dos asistentes a esta acción reivindicativa.

Tamén daba conta da participación de Asilival o pasado domingo na manifestación celebrada en Santiago en defensa da Sanidade pública.

Fotos: A.R.

Vídeo: O SIL.

Back to top button