SanidadeÚltima horaVídeos

Asilival continuará coas concentracións e o 12 de marzo fará unha marcha polo centro do Barco

Esta asociación segue reivindicando un Servizo de Neumoloxía para o Hospital Público de Valdeorras

 

A praza Ramón Otero Pedrayo de Viloira (O Barco) acollía esta mañá ás 11h. a concentración que a Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) convoca semanalmente para reivindicar un Servizo de Neumoloxía para o Hospital Público de Valdeorras. Con este cambio de escenario a asociación quería pedir a implicación da deputada provincial (xa que a sede da Deputación na comarca está na Casa Grande de Viloira), María Carmen González, nas súas demandas. “Ela foi a primeira persoa que nos atendeu, pero despois pechounos as portas, nós seguimos pedíndolle que conte cos afectados e que nos axude nisto”, dicía o presidente de Asilival, Jose Rodríguez.

Así mesmo, Rodríguez comentaba que na asociación “estamos traballando ben e dende que nacemos ata agora fomos conseguindo cousas. De feito, cando empezamos non había ningún neumólogo no hospital e hoxe xa temos dous por semana”.

 

 

A intención da asociación é continuar coas concentracións semanais á mesma hora diante do Hospital Público de Valdeorras e, ademais, de cara á do 12 de marzo a intención é realizar unha marcha pola estrada xeral da vila “para darnos a ver”. Tamén sinalaba o presidente de Asilival que se está estudando xuridicamente cun avogado á falta de resposta por parte da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco aos 7 escritos presentados pola asociación, “queremos saber se con ese silencio administrativo cumpren ou non a lei”.

Fotos: A.R.

 

Back to top button