A Asociación Galega de Bloggers de Viaxes (GaliciaTB) celebra esta fin de semana na comarca de Valdeorras o seu encontro anual, unha cita que cada ano reúne a creadoras e creadores de contido especializados en viaxes co obxectivo de “compartir experiencias e poñer en valor distintos recunchos de Galicia que destacan pola súa autenticidade, o seu patrimonio e o seu potencial turístico”.
Nesta edición, o colectivo quixo achegarse de maneira especial a Valdeorras, unha comarca que o pasado verán sufriu importantes incendios forestais. Con esta elección, “a asociación busca achegar o seu gran de area, visibilizando o territorio e amosando a través das súas canles dixitais a riqueza natural, cultural e enogastronómica da zona”, aseguran dende GaliciaTB.
Así, durante toda a fin de semana, máis de 20 blogueiros integrantes de Galicia Travel Bloggers realizarán diferentes actividades na comarca: visitas culturais, experiencias gastronómicas, encontros con axentes locais e percorridos por espazos naturais, xerando contido en tempo real para blogs e redes sociais que suman milleiros de seguidores en España e no resto do mundo.

O presidente da asociación, Alberto Ribas, do blog Alvientooo, explica que a elección de Valdeorras responde tanto ao atractivo do destino como ao momento que atravesa a comarca. “Cada ano celebramos a nosa reunión anual nun punto diferente de Galicia, coa idea de compartir lugares que nos inspiran e que cremos que merecen maior visibilidade. Este ano queriamos estar en Valdeorras, coñecer de preto a súa realidade e contribuír, desde o noso ámbito, a proxectar todo o bo que ofrece a comarca”.
Dentro do programa, no mediodía deste sábado 7 de marzo celebrábase no Salón Multiusos do Concello do Barco o Coloquio Viajero 2026. Unha actividade aberta ao público “nunha aposta por achegar o mundo da comunicación dixital e do turismo á cidadanía”, explican dende a asociación. Moderado por Alberto Ribas, o coloquio contou coa participación de representantes de entidades colaboradoras, entre elas o Inorde e o Concello de O Barco, así como de blogueiros de distintos perfís pertencentes á asociación, como A World to Travel, Tintineando, Petiscos Galegos ou MiniOnTour, entre outros.
A primeira en intervir era a xerente do Inorde, Emma González, que falou do traballo que se está levando a cabo a prol da promoción da comarca e de seguido os blogueiros expoñían as súas experiencias. Polo Concello do Barco interviña a concelleira de Turismo e Comercio, Alba Rodríguez. Durante o encontro abordáronse tamén temas como os destinos estrela para 2026, as novas tendencias viaxeiras, o futuro dos blogs de viaxes, as diferentes modalidades de viaxeiro, o papel das mulleres viaxeiras, o turismo en Galicia ou fórmulas como o Interrail, entre outros asuntos de actualidade.
Esta fin de semana, “Valdeorras será escenario de novas historias, imaxes e experiencias que viaxarán a través de blogs e redes sociais, convidando a descubrir a comarca desde unha ollada próxima, responsable e comprometida co territorio”, aseguran dende Galicia Travel Bloggers destacando que este encontro anual consolídase como “unha iniciativa que combina reflexión, promoción do territorio e conexión directa co público”.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.