DeportesEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Preséntase a I BTT Ruta do Cenza (Vilariño de Conso) que se celebrará o 27 de xuño

Terá un trazado de 45 km e un desnivel positivo de 1.150 m, percorrendo lugares de gran interese paisaxístico e patrimonial do municipio

 

Co fin de dar a coñecer as posibilidades que ofrece o municipio de Vilariño aos afeccionados da bicicleta de montaña e tamén os seus recursos turísticos, naturais e patrimoniais, o Concello de Vilariño ultima a organización da I BTT Ruta do Cenza, que se celebrará o vindeiro 27 de xuño.

“Hai moita xente que se interesa polas rutas de BTT, pero tamén por outras de sendeirismo no noso concello. E a raíz de que tamén se creou un club de BTT en Vilariño, o BTT Cenza, decidimos dar un paso máis e arrancar con esta proba de BTT para dar coñecer as nosas rutas e o club”, explicaba na presentación deste evento deportivo a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, quen estaba acompañada por un concelleiro do grupo de goberno e tamén por representantes de Rutas Xanzá, que se encargarán da parte da técnica da cita, Víctor Fernández e Jose López.

 

 

Sobre as características da ruta falaba Jose López, matizando ademais que non se trata dunha proba competitiva, senón para vir a desfrutar da paisaxe e desta zona que á xente vaille sorprender moitísimo”. Así mesmo destacaba que nesta ruta combínanse moito as beiras dos encoros coa montaña.

 

 

Este evento cicloturista terá un percorrido circular de 45 km cun desnivel positivo de 1.150 m. O punto de partida dos participantes será a praza da vila de Vilariño de Conso. A partir de aí o trazado seguirá ata Grixoa, Mormentelos, irá tamén polo encoro do Cenza, logo subirá ata Chaguazoso, pasando a continuación por Castiñeira, Conso e, finalmente, rematará no mesmo punto de saída: a praza da vila de Vilariño.

 

 

 

 

As persoas interesadas poderán realizar as súas inscricións en sportmaniacs.com e para ampliar información sobre esta ruta pode visitarse a web bttrutadocenza.com .

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button