En portadaÚltima horaVídeos

O centenario Casimiro Mondelo, de Montefurado (Quiroga), homenaxeado polo seu labor hospitalario no Camiño de Inverno

 

En pleno Camiño de Inverno ao seu paso polo concello lucense se Quiroga, os peregrinos poden atoparse cun posto de froita, auga e mesmo café diante dunha casa en Montefurado. O seu propietario, Casimiro Mondelo Rodríguez, atendeunos dende hai ano, sempre que pudo, convidándoos a facer un alto no camiño.

 

 

Hoxe, Casimiro ten cen anos e aproveitando o décimo aniversario do recoñecemento do Camiño de Inverno a Santiago como ruta xacobea, a Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, realizaba un acto de recoñecemento para agradecerlle “o seu destacado compromiso, dedicación e valiosa contribución ao Camiño de Santiago e aos peregrinos que por el transitan”.

 

 

 

No acto de homenaxe celebrado en Montefurado, no mediodía deste martes 7 de abril, ao que acudían numerosos veciños, participaba a Asociación Vía Franciscana de Chipiona (Cadiz), con catro membros que fixeron case mil quilómetros para asistir a este recoñecemento, dunha persoa que eles cualificaron como referente no Camiño de Inverno pola súa hospitalidade e afabilidade cara o peregrino. “No ano 2023 fixemos o Camiño de Inverno e encantounos, sobre todo porque Casimiro nos atendeu estupendamente. Pareceunos unha persoa emblemática e pensamos que en todos os camiños debería haber unha persoa así, que te acolla desa maneira e dende entón mantivemos a amizade a través de Daniel da Asociación de Peregrinus Dezae a quen coñecimos tamén ese ano. E que mellor ocasión que volver a velo que neste acto de homenaxe, sen importar os 900 quilómetros que nos separan, fixémolos gustosos porque desfrutaremos deste día e sobre todo para facelo feliz a el xa que el fai feliz a tantos peregrinos”, explicaba o representante da asociación que lle facía entrega dunha placa como agasallo.

 

 

En representación de todas as asociacións do Camiño de Inverno a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, Asunción Arias, destacou a bondade e a entrega de corazón dun veciño 100% hospitalario cos peregrinos. “É para nós unha persoa moi entrañable, polo labor desinteresado que fai de atender ao peregrino independentemente da nacionalidade que teña e particularmente dase a casualidade de que cando eu fixen a ruta con Discamino estaba e tiña moitas ganas de coñecelo. Hoxe volve ser unha aperta cara el como ser humano porque intentei por todos os medios que fose á estrea do documental no que aparece pero non foi posible co cal aquí estou eu”, dixo.

 

 

 

Sobre a capacidade de Casimiro para recibir aos peregrinos e da súa importancia para o camiño tamén falaría o Director do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, que lle facía entrega dun diploma de recoñecemento, “en agradecemento sinceiro polo seu exemplar labor de hospitalidade e adicación constante ao servizo do peregrino. Pola súa xenerosidade, espíritu solidario e entrega desinteresada, que honran a tradición de acollida e fraternidade cara a quenes percorren o Camiño, brindando apoio, consolo e amparo ao seu paso pola nosa terra. O seu compromiso engrandece o espírito do Camiño e deixa pegada no corazón de cada peregrino que atopa en Montefurado un lugar de descanso e humanidade”. Ademais do diploma de la Campa tamén lle entregaba a Casimiro dun peregrino de porcelana.

 

 

O equipo de Goberno de Quiroga, participaba nesta homenaxe de celebración dun novo centenario no municipio e, en nome de todos os quirogueses, o alcalde, José Luis Rivera, facíalle entrega dunha placa conmemorativa, asegurando orgulloso que contan con varias veciños de 100 anos e incluso máis.

 

 

Tras entrega doutro diploma de recoñecemento da Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, en nome de todas as asociacións, o homenaxeado daba as grazas emocionado, asegurando ser “un home de poucas palabras e pouco estudo”, recoñecendo o bo trato que sempre lle adicaron os peregrinos que pasaron por diante da súa casa “portáronse todos de maravilla e paseino moi ben con eles”, dixo, dando paso a un pequeno convite para todos os participantes na casa do pobo, antiga escola onde estudaba o propio Casimiro.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Back to top button