Nunha visita realizada esta mañá á Estación de Montaña de Manzaneda, cuxas instalacións están situadas no municipio da Pobra de Trives, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, poñía en valor a resposta do Goberno de España para darlles unha nova vida aos montes ourensáns mediante a execución de traballos de restauración forestal nas zonas afectadas polos lumes do 2025, cun investimento de 9 millóns de euros. O subdelegado supervisaba en Trives as obras de emerxencia para a restauración forestal que financia o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).
Santos explicaba que esta é unha das 12 actuacións que contratou o Goberno en zonas afectadas polo lume na provincia de Ourense e que se estenden por 27 municipios. “O obxectivo das obras é a restauración da superficie forestal para lograr un aumento da biodiversidade, a mellor protección do solo e a mellora do entorno paisaxístico, así como a restauración de pistas forestais para vertebrar o medio”, explicou. Estivo acompañado da alcaldesa de A Pobra de Trives, Patricia Domínguez; do conselleiro técnico da Subdirección Xeral de Política Forestal e Loita contra a Desertificación do MITECO, Guillermo Fernández Centeno, e de persoal da Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación do Ministerio para a Transición Ecolóxica, así como polo concelleiro de Cultura trivés, José Luis Vidal.

Neste senso, Eladio Santos quixo agradecer á ministra Sara Aagesen “a súa sensibilidade coa provincia de Ourense e a súa implicación na prevención de lumes e a recuperación do ecosistema. A aposta pola restauración é a mellor medida para a prevención dos lumes. Non podemos esquecer a traxedia que vivimos o ano pasado porque temos que evitar que volva a suceder e, para iso é precisa a implicación de tódalas Administracións”.
Neste senso, o subdelegado do Goberno en Ourense resaltaba a importancia da colaboración institucional, “pois a Consellería de Medio Rural localizou os puntos nos que considerou necesario actuar e o MITECO financia os traballos. Axuda, acción, traballo, cooperación e investimento. Así é como responde o Goberno de España ás emerxencias”, resaltaba.
Ademais, Eladio Santos destacaba que as empresas que están a realizar estas obras de emerxencia son da provincia de Ourense, o que redunda nun impulso á economía local. “Son compañías da terra, que coñecen os nosos montes, e, desta forma, créase emprego nas zonas afectadas”.

Pola súa banda, a alcaldes de Trives, Patricia Domínguez, quen agradecía o compromiso do MITECO e da Subdelegación do Goberno en Ourense, “é un investimento moi importante, a maior que se leva realizado nesta estación dende hai máis de 25 anos e que ese investimento veña da man do que debemos coidar todos, o noso ecosistema, o pulmón verde de Galicia que é esta Estación de Montaña de Manzaneda. Para nós é un orgullo, estamos moi agradecidos por esta implicación e pola colaboración dos axentes implicados”.

Ademais Guillermo Fernández, apuntaba que “é importante sinalar que estes traballos son o inicio da restauración nunha zona moi castigada polos incendios de 2025, aproximadamente na provincia de Ourense arderon 100.000 has, o 20% da superficie forestal da provincia, que é unha barbaridade. E temos a obriga de iniciar estes traballos da maneira máis urxente. No MITECO declaramos trece emerxencias para poder actuar no entorno dun orzamento de case 10 millóns de euros para iniciar os traballos e darlle continuidade no futuro a que esa restauración sexa plena. E iso en coordinación coa Xunta de Galicia e cos xestores de montes, neste caso, as comunidade de montes”.

Traballos de reforestación
En concreto, as actuacións consisten eliminación da madeira queimada para facilitar a posible rexeneración natural e eliminar ou diminuír focos de infección de pragas, e adecuación de infraestruturas de loita contra a erosión para evitar o arrastre e perda do chan, desprotexido pola destrución da súa cuberta vexetal protectora como consecuencia do incendio. Doutra banda, tamén se restauran as pistas forestais como infraestrutura esencial para vertebrar o medio rural, mellorando os accesos ao monte para os traballos de restauración, xestión e mesmo prevención de futuros incendios.


34,5 millóns
O MITECO mobilizou, a través da Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación e as confederacións hidrográficas, 34,5 millóns de euros para restaurar as zonas afectadas polos lumes forestais do pasado verán en España. Dese importe, 24 millóns foron destinados aos traballos forestais de catro comunidades autónomas tras as solicitudes de apoio presentadas polos seus respectivos gobernos, en aplicación do artigo 50 bis da Lei de Montes. Así, a Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación destinou a Galicia un total de 9.499.304,49 euros, para 13 intervencións, das que 12 son na provincia de Ourense, cun investimento exacto de 8.826.672,23 euros.

Por outra banda, o MITECO investiu 10,5 millóns de euros a través das confederacións hidrográficas afectadas en plans de choque para protexer os recursos hídricos nas áreas incendiadas. No que respecta á provincia de Ourense, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil investiu 3 millóns de euros para evitar a contaminación de ríos e embalses e a Confederación Hidrográfica del Duero destinou ao seu plan 5,1 millóns nas provincias de Ourense, León, Zamora, Palencia e Ávila.
Actuacións de restauración forestal en Ourense

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.
