A Escola de Ensino Galego Semente Compostela presentaba o libro “Entruidos e Mascaradas na Galiza” na mañá do 18 de febreiro. Trátase dun traballo con estética de caderno, e pensado para todas as idades, que reúne 58 deseños con case 70 mascaradas galegas de Entroido e doutros ciclos festivos, acompañados dunha breve explicación da súa dinámica e do lugar do que proceden.
“Cada deseño vai tamén acompañado dunha actividade (actividades de lecto-escrita, xogos, receitas, adiviñas, refráns, actividades manuais…), que se conforman coma unha boa ferramenta quer para familias quer para centros educativos coa que descubrir en profundidade o universo destes ciclos festivos”, indican dende Semente.
O diñeiro recadado da venda vai ir destinado na súa totalidade ao financiamento das Escolas de Ensino Galego Semente, que “defenden a coeducación, a laicidade, o asemblearismo, a interacción pola natureza, o respecto pola autorregulación das nenas, a integración no contexto do barrio e que favorecen a adquisición, coidado e consolidación da nosa lingua”, indican.
Os puntos de venda pódense consultar no Facebook @entruidosementecompostela.