O Concello da Rúa, en colaboración coa organización ecoloxista ADEGA, pon en marcha o proxecto “A Rúa Composta” que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses deste ano co obxectivo de “fomentar actitudes responsables no eido dos residuos e a participación activa dirixida á cidadanía e á comunidade educativa no plan de tratamento dos residuos, desde a recollida selectiva e a separación en orixe ata o destino final”.



A presentación deste programa á veciñanza tiña lugar na tarde deste martes 21 de abril por parte do educador ambiental de ADEGA, Ramsés Pérez, quen explicaba en que consiste o programa e como funciona un composteiro, contando asemade coa presenza da alcaldesa, María G. Albert, quen repartiu folletos informativos entre os asistentes, asegurando que esta colaboración nace da “aposta pola educación ambiental desde as persoas máis novas ata todos os estratos da poboación”. Nesta mesma liña, ADEGA destaca o papel chave da cidadanía e da comunidade educativa no camiño cara a unha xestión sustentable e eficiente dos residuos, así como as múltiples posibilidades da compostaxe como ferramenta educativa e social.
A través desta iniciativa, o Concello da Rúa instalará 100 composteiros caseiros. Aqueles fogares que participen na campaña de compostaxe domiciliaria recibirán un Manual de Compostaxe e contarán con dúas visitas do persoal técnico de ADEGA para solucionar dúbidas. Ademais, as persoas do concello que xestionen os seus residuos mediante este sistema “terán unha redución na taxa de lixo do 30%”, aseguran.



Doutra banda, o proxecto “A Rúa Composta” achegará tamén a compostaxe ao centro de ensino de secundaria IES Cosme López Rodríguez. “A través de diferentes actividades de educación e divulgación ambiental dirixidas á comunidade educativa de secundaria, o obxectivo é conseguir que se implementen de forma eficiente boas prácticas na xestión do lixo”, explica Ramsés, destacando que as actividades a realizar van dende a instalación dun composteiro comunitario no centro ata a colocación dunha exposición gráfica sobre a compostaxe e visitas de seguimento.

Con esta iniciativa, o Concello da Rúa pretende “obter os beneficios económicos directos que implica unha boa separación dos residuos e, así, mellorar a calidade ambiental para toda a veciñanza”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.