SanidadeÚltima horaVídeos

Nova concentración de Asilival para pedir un servizo de neumoloxía no Hospital do Barco

Esta demanda levarase ademais ao vindeiro pleno da Deputación de Ourense, a través dunha moción, tal e como anunciaba o presidente da entidade

 

Dotar dun servizo de Neumoloxía ao Hospita Público de Valdeorras, no Barco. É a demanda que dende hai un ano expresa, a través de diferentes actos reivindicativos a Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival). Este xoves volvíase escoitar na concentración semanal que convoca esta entidade fronte ao hospital do Barco.

“Nós seguimos traballando e metendo escritos á administración para que nos dean resposta, pero polo de agora a única resposta é o silencio”, insistía o presidente de Asilival, José Rodríguez, quen ademais anunciaba que a concentración do vindeiro xoves non se vai celebrar xa que os representantes da asociación acudirán ao pleno mensual da Deputación de Ourense, en cuxo orde do día figurará unha moción que recolle as demandas desta entidade. Será presentada polo PSdeG-PSOE e polo BNG. “E nós tamén imos ter voz nese pleno, é certo que a Deputación non ten competencias en Sanidade, pero confiamos en que apoie as nosas demandas xa que se trata dun problema de saúde pública, por iso queremos contar cun servizo de neumoloxía estable na comarca que lle permita facer un seguimento a eses enfermos”, indicaba Rodríguez.

Tamén cifra en 1.074 os afectados por silicose en Valdeorras e aseguraba que estas persoas están tendo cambios nas súas citas, “algo que non sabemos por que está pasando, xa que non se reúnen con nós”.

Fotos e vídeo: O SIL.

 

Back to top button