En portadaÚltima horaVídeos

Entre a tradición e a devoción na romaría do San Xil Vello, en Casaio (Carballeda de Valdeorras)

 

Tan tradicional como enxebre, a Romaría do San Xil Vello reúne cada 1 de maio (Día do Traballador) a centos de devotos no entorno da ermida. Unha edificación en pedra con tellado de lousa que se atopa nas inmediacións de Pena Trevinca a medio camiño entre Casaio e O Teixadal, a uns mil metros de altura, na cara sur dunha ladeira poboada de carballos, acibros e castiñeiros.

 

 

Este ano non foi unha excepción e alí se xuntaban no mediodía deste venres, numerosos veciños e visitantes fieis á cita (e sobre todo ao santo ao que lle renden culto con devoción e solemnidade), para pasar o día, entre nubes e claros, cunha temperatura máis que agradable.

 

 

 

Coma sempre ás 12:30 horas tiña lugar a procesión coa imaxe do santo e o acompañamento musical da charanga leonesa Os Templarios, seguida da misa no interior da capela presidida polo párroco Juan José Prieto e outros dous sacerdotes, un deles o párroco do Puente de Domingo Flórez, Cristopher Vásquez que era o encargado do sermón e outro sacerdote, que remataba co tradicional cántico adicado a San Xil interpretado polos veciños.

 

 

Porque máis alá da festa que co tempo se foi creando ao redor do patrón de Casaio, cuxa festa se celebra o 1 de setembro na igrexa da ladea, San Xil é un foco de devoción ao que moita xente se ten encomendado. Non hai máis que escoitar a algúns dos máis maiores para darse conta das historias de fe que hai ao seu redor. Un exemplo é o dun señor que entre bágoas contaba como tras encomendarse ao santo localizaba as ovellas que lle escaparan monte arriba sendo mozo; outro o dun veciño chamado Gil, igual que o santo cando non había ninguén con ese nome pola zona e que acabou poñéndollo tamén ao seu fillo. Mil e unha historia arredor dun santo que hoxe era honrado por todo o alto.

 

 

O apartado máis lúdico da celebración é sempre o xantar ao aire libre. Reunidas en grupos (algúns moi numerosos) foron moitas as persoas que desfrutaron do día degustando todo tipo de viandas.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Back to top button