Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima horaVídeos

Breogán López completa os 50K do ‘Oh Meu Deu’ en Portugal cumprindo as súas expectativas

 

Obxectivo cumprido. Tras sete horas de carreira, por algún dos paraxes máis escarpados da parte central de Portugal, o valdeorrés Breogán López Baptista cruzaba a meta da carreira 50k do Oh Meu Deus na localidade de Seia, sumando un maratón máis ao seu xa extenso currículo deportivo.

 

 

Ao día seguinte da proba, primeira carreira portuguesa en integrarse no circuíto UTMB World Series, xa en casa, Breo asegura, cansado pero moi contento que as sensacións foron “moi boas”, calificando de “bastante alto” o nivel de dificultade do percorrido tanto polos quilómetros como polo desnivel positivo. “Fíxeno en 7 horas que é máis ou menos o que podo facer nun maratón”, di, explicando que a primeira parte era a máis dura. “Os primeiros 12 km fas xa case 1500 positivos, cunha parte na que subes á estación de montaña por unha vertente de gran pendente e aí, como non regules ben ou non estés acostumado a estas subidas tan longas, xa que das tocado”, conta, destacando que esa parte estaba toda queimada. Despois tocaba baixar por outra zona cunha pendente igual de dura pero con vistas moito máis bonitas e pintorescas. “Fante baixar por onde derrete a neve, con balsas e presas espectaculares, tamén regatos, moi bonito á par que técnico con moita pedra solta e aí a xente perdía moito tempo, sen apenas poder descansar”.

 

 

A segunda parte si foi máis levadeira. “Nalgúns tramos incluso podía correr algo e a verdade é que cheguei moi ben e no tempo que tiña marcado” e no posto 72 da xeral. “Estar entre os cen primeiros que para min xa é moito porque eramos 800 e nestas carreiras hai moito nivel porque forma parte do circuíto UTMB”, que dá puntos para ir a Chamonix, no Mont Blanc. “Os tres primeiros de cada categoría van directos as finais e o resto imos a carreiras do circuíto para sumar puntos e ter opción de entrar no sorteo, por iso aproveitei esta carreira en Portugal, a tres horas de casa sen necesidade de coller avión, todo un luxo”, conclúe.

 

 

Fotos e vídeo cedidos.

Vídeo do ‘On Meu Deus’

Back to top button