Xa está en marcha a quinta edición dos Encontros Escolares do Eixo Atlántico, no que que participa alumnado do Barco de Valdeorras e Braga cun programa dividido en dous bloques.
Primeiro, os días 6 e 7 de maio, os estudantes de 11 e 12 anos da Escola Dr. Francisco Sanches de Braga visitarán o concello do Barco; e despois, a mediados de mes, os escolares da mesma idade, do CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira, realizarán a correspondente visita a Braga. Un total de 50 persoas, 18 nenos e nenas de Braga e 19 nenos e nenas do concello do Barco, acompañados de persoal docente dos dous colexios e persoal dos concellos de Braga e O Barco, convivirán e desfrutarán de diferentes actividades que lles permitirán coñecer os concellos que visitan, os seus atractivos turísticos, costumes, gastronomía, etc.
Este intercambio celébrase cada ano entre concellos de Galicia e o Norte de Portugal que pertencen ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. En anos anteriores, os estudantes barcquenses puideron visitar as cidades de Vila Real (2024) e Santa María da Feira (2025), vivindo experiencias moi gratificantes.
Neste 2026, o programa arrincaba na mañá deste mércores 6 de maio, díade feira en Viloira, coa benvida do alumnado no CEIP Ramón Otero Pedrayo. Alí eran recibidos pola comunidade educativa e reunidos na Aula de Música onde a concelleira de Cultura e Educación Margarida Pizcueta, lles daba a benvida ao concello barquense. Durante o día realizarán actividades e xogos populares no propio centro e tamén en diferentes puntos do Barco, cunha Busca do Tesouro / Xincana polo paseo do Malecón que leva por título “A Vía Nova romana: o camiño que nos une desde hai dous mil anos”.

Mañá, xoves día 7 de maio, realizarán unha visita ao banco de extracción de lousa e ás instalacións da nave de elaboración da empresa Pizarras Los Tres Cuñados; e ao final da mañá desenvolverase a recepción institucional no salón de actos do Concello do Barco.
E xa os días 13 e 14 de maio, os escolares do CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira, visitarán Braga e o centro escolar.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.