Co obxectivo de promocionar a cidade de Ourense como destino turístico en toda España, a concellería de Turismo pon en marcha a campaña “Márcate un triple en Ourense” coa que, a través do Club Ourense Baloncesto posicionará a capital da provincia como un destino turístico ideal entre o público seguidor do baloncesto nacional, convidándoos a desfrutar do deporte, dos espazos termais e da gastronomía, xunto con recursos como o patrimonio, a oferta cultural ou a paisaxe.
A campaña “convida a experimentar a fermosa sorpresa que Ourense supón para o visitante e persegue divulgar o potencial de Ourense entre un público segmentado: os afeccionados ao deporte, neste caso o baloncesto”, explican dende o Concello, e para iso utilizan como embaixador ao COB, o equipo que compite na liga nacional leb ouro, segunda categoría do baloncesto español, xunto a cidades de superior ou similar poboación (Burgos, Huesca, Vitoria, Oviedo, A Coruña ou Lugo entre outras) que mobilizan nos seus partidos milleiros de espectadores.
Segundo a proposta da campaña, en cada partido que Ourense dispute ata final de tempada fóra da casa, o COB divulgará os recursos turísticos da cidade cun expositor emprazado no propio pavillón onde se xogue o partido, coa recreación dunha vista panorámica das Termas do Muiño, e nel se poderá visionar un vídeo promocional de Ourense e se distribuirán dípticos que convidan a “marcarse un triple” na cidade. A campaña inclúe tamén concursos, accións en redes sociais, e o rotulado da traseira do propio autobús do equipo ourensán.
As accións promocionais inclúen inicialmente cinco partidos en Marín, Vitoria, Logroño, Cáceres e Lleida, e poderánse ampliar en caso de que o equipo se clasifique para os play off. Segundo os datos que baralla a concellería de Turismo de Ourense, os cinco equipos suman case 7.000 socios e 9.950 espectadores de media nos seus partidos: Marín 1.200, Vitoria 1.400, La Rioja 1.750. Cáceres 1.600, Lleida 2.500. A tal efecto editou 6.000 dípiticos que se reparten no propio stand. Os visitantes poderán gañar unha estancia para dúas persoas durante unha fin de semana con entradas para a estación termal de Outariz.
A campaña apóiase tamén en concursos e nas redes sociais. O visitante terá que achegarse ao stand, sacarse unha foto e compartila en Facebook co hashtag #tripleenourense, comentando no texto que é o que lle resulta máis atractivo da nosa cidade, ademais de seguir a fanpage capitaltermal. O nome da persoa gañadora publicarase o día 5 de maio no Facebook Ourense Capital Termal.
O autobús no que se traslada o equipo para xogar os partidos tamén será soporte promocional da campaña, xa que na súa traseira loce xa a imaxe da campaña “Márcate un triple en Ourense”, nunha composición de 2250 x 3270 cm, na que dous dos xogadores máis populares do equipo: Dimitry Flis e Christian Díaz, posan nas Termas de Outariz.