ConcellosÚltima horaVídeos

O servizo de bus entre A Gudiña e as comarcas de Valdeorras, Viana e Verín para coordinalos cos novos horarios dos trens a Madrid

Os cambios nos servizos entrarán en vigor o vindeiro luns, 22 de xuño, segundo adiantaba no Barco o delegado da Xunta en Ourense

 

A partir do vindeiro luns, día 22 de xuño reforzaranse os servizos de autobús que conectan a estación de tren da Gudiña–Porta de Galicia coas comarcas de Valdeorras, Viana e Verín, co obxectivo de mellorar a coordinación cos novos horarios dos servizos ferroviarios de alta velocidade con orixe e destino en Madrid. Así o manifestou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, na súa visita á Estación de autobuses do Barco de Valdeorras.

A implantación dos novos servizos mellorarán de xeito significativo a conexión dos concellos de Viana do Bolo, O Bolo, Petín, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e Verín coa estación de tren da Gudiña-Porta de Galicia. “Unha vez máis, adaptamos os servizos ás necesidades da veciñanza para facilitar a súa accesibilidade e potenciar un modelo de transporte público que contribúa á vertebración territorial da provincia e de Galicia”; recalcou o delegado territorial.

“Estes axustes atenden as solicitudes e propostas feitas desde distintos ámbitos da sociedade ourensá e son resultado dunha análise e estudo do aumento da demanda entre estas comarcas”; subliñou Manuel Pardo. Neste contexto, -explicou – que haberá un total de 10 servizos diarios de autobús coordinados cos horarios dos servizos ferroviarios, que posibilitan a conexión cos trens de ida a Madrid e cos de regreso á Gudiña. Deste total, 3 servizos diarios conectarán con Verín e 7 coas comarcas de Valdeorras e Viana.

 

 

Debido ao restablecemento do tren de primeira hora da mañá entre A Gudiña e Madrid, considerouse prioritario facilitar o enlace das persoas usuarias destas comarcas a este servizo demandado pola veciñanza da zona.

En consecuencia, porase en marcha unha liña directa entre Verín e A Gudiña, a única destas características operativa na provincia de Ourense xunto coa liña Ourense–Vigo. Este servizo sairá de Verín ás 06.40 horas e chegará á estación ás 07.20 horas, permitindo a conexión co tren das 07.44 horas con destino a Madrid.

 

 

Ao mesmo tempo, axustaranse os horarios dos servizos entre A Gudiña e O Barco de Valdeorras, permitindo o enlace cos trens con saída ás 07.44 e 12.08 horas cara a Madrid. Así mesmo, tras a análise da demanda dos servizos, optimizáronse diversos itinerarios que permitirá reducir os tempos de viaxe e ofrecer servizos máis directos e eficientes.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal e nas aplicacións para dispositivos móbiles Transporte Público de Galicia e MoBT.

Pola súa banda, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, valoraba positivamente estes cambios no servizo e agradecíalle ” á Xunta de Galicia que rapidamente que actuara para adaptar o horario do servizo de autobús a eses novos horarios ferroviarios, así que pola nosa parte contentos de que iso sexa así”.

Ademais a deputada provincial delegada especial para Valdeorras, María Carmen González, indicaba que con esta medida “achegámonos á Meseta, non estamos ben comunicados e esta é unha noticia estupenda. Os veciños de Valdeorras teñen unha nova fórmula máis fácil para chegar á Meseta e, polo tanto, agradecer a rapidez da Xunta”.

Conexión con Santiago

O Periódico O SIL dirixía unha pregunta ao xefe de Servizo de Mobilidade da Xunta, Hipólito Casas, sobre a posibilidade de recuperar unha liña de comunicación de bus entre Valdeorras e Santiago, como existía hai uns anos, pola alta demanda especialmente de estudantes, este respondía que “somos conscientes de que a demanda dos usuarios é dinámica, vai evolucionando en función das súas necesidades, estamos facendo un seguimento de todas as liñas que hai actualmente para ver se podemos melloralas”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button