En portadaÚltima horaVídeos

A socialista Sherezade Núñez, nova alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras

Asume o cargo tras a renuncia do anterior rexedor, Enrique Álvarez Barreiro

 

Sherezade Núñez Rodríguez xa é alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras. Tras a renuncia de hai uns días do anterior rexedor, Enrique Álvarez, esta concelleira socialista asumía a alcaldía en funcións e neste 19 de xuño ás 11:30h. tomaba posesión do cargo nun pleno extraordinario. Está sendo un día de celebración, recoñecía, pero “ensombrecido polo desastres das escorrentías que sufrimos tanto Vilamartín como outros concellos como Viana do Bolo”.

 

 

 Durante a súa primeira intervención como rexedora, Núñez referíase á “defensa da identidade local, a cohesión territorial e o orgullo de pertenza como algúns dos piares da súa acción política. Esta é unha terra de labregos, de emigrantes e retornados, é un territorio cunha identidade marcada polo amor á terra, polo compromiso con ela e tamén co seu progreso”.

Así mesmo reivindicaba o legado das xeracións anteriores e a necesidade de preservar a historia, as tradicións e a esencia de Vilamartín de Valdeorras como base para construír o futuro. “O territorio que habitamos non é máis có resultado dos esforzos dos nosos antergos, por iso nós temos como primeira obriga preservar a súa identidade, a súa historia, as súas costumes e tradicións”.

 

 

E poñía en valor a riqueza e diversidade de todas as parroquias do concello, lembrando que “somos de Vilamartín, si, pero tamén de Valdegodos, de Córgomo, do Mazo, de Baxeles, San Miguel, Cernego, Portela, Arcos, Arnado, Penouta, Valencia, Correxais ou San Vicente”. Neste sentido, resaltaba que cada recuncho do municipio “ten o mesmo valor” e destacaba a importancia de “gobernar desde a proximidade e para o conxunto da veciñanza”.

 

 

 A nova alcaldesa defendeu tamén a necesidade de garantir que o progreso do municipio avance da man da conservación da súa identidade colectiva. “Temos a obriga de traballar para que cando as persoas pasen, esta administración sexa eterna, e que siga o rumbo dun futuro que non esquece o seu pasado e que preserva a súa historia”. 

Ao mesmo tempo, facía un chamamento á unidade e á participación da cidadanía arredor do proxecto común que representa o Concello. “Que todo o mundo se sinta benvido a esta casa, que é a salvagarda da identidade de todos e que ten como obrigación representalos e unilos a todos”.

 

 

Núñez concluía a súa intervención reivindicando o valor do rural e o orgullo de pertenza a Vilamartín de Valdeorras, apostando polo traballo diario como ferramenta para seguir avanzando.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense valoran moi positivamente a toma de posesión de Sherezade Núñez como nova alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras, destacando que “abre unha nova etapa para o municipio desde o compromiso, a proximidade e o profundo coñecemento do territorio”. Os socialistas subliñan que a nova rexedora representa “unha forma de entender a política municipal baseada na defensa da identidade local, na cohesión social e no traballo constante para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

 

 

 Neste pleno de toma de posesión, Núñez estaba arroupada por diversos cargos socialistas na provincia e tamén polo secretario xeral do PSdeG-PSOE en Galicia, Xosé Ramón Gómez Besteiro.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button