Profundidade artística, sons de raíz folk e desafío escénico. Son as tres propostas, moi diferentes pero ben acaídas para o contexto das covas e o obxectivo de crear unha atmosfera especial enmarcada no lugar e no patrimonio, que combina a segunda edición do festival de artes e enoturismo ‘Entre Covas’ que arrancaba na tarde deste venres 19 de xuño en Seadur (Larouco).
Coa artista Paula Pintos como convidada, a primeira cita, á que asistían unhas 50 persoas, comezaba na Cova Os Bidueiros coa benvida, para continuar coa artista e Ícaro, un paseo sonoro polo barrio de covas. Pintos investiga a voz, o son, a escoita e a memoria como materia artística, creando proxectos multidisciplinares arredor da performance. En Seadur presentou unha experiencia polo interior das covas que remataba cun recital na Cova da Xabreira onde tamén tiña lugar a degustación de viños e petiscos.

‘Entre Covas’ creouse para poñer en valor as covas de viño a través dunha oferta enoturística de calidade. Ese obxectivo mantense, co valor engadido de que Valdeorras xa conta cun barrio de covas declarado Ben de Interese Cultural, o de Seadur. De aí que sexa incluso máis importante manter as características destes eventos, cun aforo reducido e propostas escénicas intimistas, que creen unha atmosfera de desfrute minimizando o impacto sobre a contorna.
A segunda cita será o venres 17 de xullo, nas Pinguelas da Rúa, con Abril, un grupo musical de raíz folk integrado por Claudia Abril (voz e percusión) e Marina Carpente (violín e voz). A súa proposta de tradición renovada poderá desfrutarse na cova de Joaquín Rebolledo, nas Pinguelas. Antes, haberá unha visita a Adega Melillas e tralo concerto, os viños e petiscos serviranse xunto a cova de Alan de Val.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

