
Un día despois de que un panel de 9 catadores de carácter internacional se reunise para analizar medio cento de viños valdeorreses (27 brancos e 23 tintos) de 18 adegas, a súa valoración facíase pública en forma de premios. Así, na tardiña deste 20 de xuño, entregábanse os galardóns da XXVII Cata dos Viños de Valdeorras, “unha cita que pon en valor o traballo desenvolvido por adegas e viticultores ao longo de cada campaña e que serve, ademais, como escaparate da calidade acadada polos viños amparados pola denominación”, segundo o consello regulador desta Denominación de Orixe.
Este acto, que se desenvolvía no Complexo Hostaleiro Paladium de Vilamartín, reunía ao sector vitivinícola valdeorrés así como a diversas autoridades, entre elas o director da Agacal, Martín Alemparte. Estes premios recoñecen as mellores elaboracións da colleita de 2025 en ambas categorías, ademais de distinguir viños procedentes doutras anadas.
O bo nivel amosado por todas as referencias presentadas era resaltado polo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Marcos Prada Ginzo. Ademais lembraba que cada un destes viños “é o resultado dun intenso traballo realizado tanto na viña como na adega. Máis aló dos recoñecementos que hoxe entregamos, cada viño reflicte o compromiso dun sector que mantén como principal obxectivo a procura permanente da excelencia”.
Prada Ginzo aproveitou a ocasión para subliñar o momento de crecemento e recoñecemento que atravesa a Denominación de Orixe Valdeorras, especialmente grazas ao posicionamento acadado pola variedade godello, convertida nun dos grandes referentes do viño branco español. Neste sentido, lembrou que Valdeorras é o territorio onde “naceu e se recuperou esta variedade, cuxa proxección continúa medrando nos mercados nacionais e internacionais”.
O presidente tamén quixo poñer en valor o traballo das 41 adegas inscritas na denominación, fundamentais para reforzar o prestixio da marca Valdeorras e para manter viva unha tradición vitivinícola estreitamente vinculada á historia e á identidade da comarca.
Así mesmo, durante a súa intervención, Prada Ginzo destacou o papel cada vez máis relevante que desempeña o enoturismo no desenvolvemento económico e social da comarca. O crecente interese de visitantes atraídos polos viños, a paisaxe, a gastronomía e a cultura local confirma o potencial de Valdeorras como destino enoturístico.
María Carmen González Quintela, delegada especial para Valdeorras da Deputación Provincial de Ourense, quixo destacar a colaboración da Deputación de Ourense con todas as iniciativas relacionadas co Consello Regulador, “tendendo sempre a man e apostando polo enoturismo e a viticultura, selos de identidade da nosa comarca”.

Relación de premios da Cata
Viños brancos
1º Premio: Lagar do Cigur Godello 2025, de Adega Melillas e Fillos, S.L.
2º Premio: D’Berna Godello 2025, de Guitián y Blanco, S.C.
3º Premio: Quinta da Peza Godello 2025, de Adega Quinta da Peza, S.L.
Viños tintos
1º Premio: Joaquín Rebolledo Mencía 2025, de Joaquín Rebolledo, S.A.
2º Premio: Alan de Val Mencía 2025, de Adega ALAN, S.A.T.
3º Premio: Quinta da Peza Mencía 2025, de Adega Quinta da Peza, S.L.
Distincións especiais a outras anadas
Viños tintos
1º Mención Especial: Alán Escada 2023, de Adega Alan, S.A.T.
2º Mención Especial: Lagar do Cigur 2019, de Adega Melillas e Fillos, S.L.
Viños brancos
Mención Especial: O Luar do Sil Godello sobre lías 2024, de Pago de los Capellanes, S.A.
Galardóns do público
Ademais dos galardóns outorgados polo xurado profesional, durante a gala tamén se entregaron os Premios do Público á mellor adega, concedidos a partir das votacións realizadas polas persoas asistentes á XXVII Feira do Viño de Valdeorras, celebrada os pasados 30 e 31 de maio.
Nesta edición, o primeiro premio foi para Bodegas Blare. Así mesmo, rexistrouse un empate na segunda posición, que deu lugar á concesión de dous segundos premios para as adegas Terriña e Melillas, mentres que A Cova da Xabreira recibiu o terceiro galardón.
“Estes recoñecementos reflicten a excelente acollida que os viños da Denominación de Orixe Valdeorras teñen entre o público e poñen de manifesto o alto nivel das elaboracións presentadas durante a feira”, segundo concluía o consello regulador.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Ampliarase galería fotográfica e información.

