En portadaÚltima horaVídeos

Marcos Prada, na entrega de premios da cata da D.O. Valdeorras: “Vivimos un dos momentos máis brillantes da súa historia vitivinícola”

Percorrido en imaxes por este acto, no que se outorgaban 6 premios a viños do 2025 e outros tres a referencias doutras anadas

 

“Esta é unha mostra representativa da riqueza, diversidade e excelente nivel que caracteriza á nosa Denominación de Orixe”. Deste xeito abría o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Marcos Prada Xinzo, o acto de entrega de premios da XXVII Cata dos Viños de Valdeorras, que tiña lugar na tarde do 21 de xuño no Paladium, en Vilamartín. Nel reuníase o sector vitivinícola da comarca e tamén asistían diversas autoridades.

No concurso participaban medio cento de viños de (27 brancos e 23 tintos) de 18 adegas, que eran valorados o 20 de xuño por un panel internacional de nove profesionais, aos que o presidente do consello, agradecía a súa profesionalidade, rigorosidade e compromiso”. E incidía en que para o consello regulador “todas as referencias participantes son merecedoras de recoñecemento. Máis alá dos premios que hoxe entregamos cada botella representa meses de traballo, esforzo e dedicación. Detrás de cada viño hai viticultores e adegueiros que afrontan cada campaña con ilusión, superando desafíos para perseguer sempre un mesmo obxectivo conxunto, que non é outro que o de ofrecer a máxima calidade”.

 

 

É precisamente ese afán, engadía Marcos Prada, o que permite que “estamos a vivir en Valdeorras un dos momentos máis brillantes da nosa historia vitivinícola. Os nosos viños son hoxe máis coñecidos, máis valorados e máis demandados ca nunca. E se hai unha variedade que simboliza este éxito é a godello, auténtico buque insignia da nosa denominación. Valdeorras é o berce da godello, aquí naceu e recuperou o éxito que merecía”.

 

 

Deseguido, tomaba a palabra a deputada provincial delegada especial para Valdeorras e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, quen se refería á que “o viño é cultura no noso territorio” e falaba do labor que se está a facer na súa posta en valor. E iso dentro da importancia que hoxe ten a enogastronomía, “un dos atractivos máis interesnates que ofrecemos en Valdeorras”. Xunto con outros elementos como a lousa ou o Camiño de Inverno.

 

 

A quenda de intervencións pechábaa o director da Agacal, Martín Alemparte, quen resaltaba que o verdadeiro valor “está na diferenza, nas variedades autóctonas e no traballo feito dende o territorio”. Apuntaba “o viño é un sector estratéxico para Valdeorras”.

 

 

A partir de aí dábase paso á entrega dos galardóns, comezando polos premios do público aos viños da XXVII Feira do Viño de Valdeorras e continuando polos da Cata oficial da denominación.

 

A XXVII Cata do Viño de Valdeorras premia 9 referencias, 3 delas doutras anadas

 

Este acto estaba intercalado polas actuacións de Nerea Jiménez e de Iria Rodríguez, pertencentes á Asociación de Música Alternativa de Valdeorras.

 

 

Despois, tiña lugar unha degustación de viños participantes na cata, acompañados de pestiscos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos: O SIL.

 

 

 

 

Back to top button