
“O Barco no verán é cutura”. É o lema baixo o que se presenta, un ano máis, a diversa programación cultural que se desenvolverá entre finais de xullo e mediados de agosto no Barco. Así o destacaba durante a súa presentación a concelleira de Cultura barquense, Margarida Pizcueta. “É unha oferta diversa e descentralizada”, matizaba a edil, con diversos escenarios ao aire libre (sempre que o tempo o permita) e na que o teatro e a narración oral, xunto coa música, cobran un protagonismo especial.
Este abano de eventos está estruturado, principalmente, en tres ciclos, o primeiro deles “De Perto”. A proposta da Concellería de Cultura inclúe na programación de verán, outras iniciativas culturais “Noites de cine” (11 propostas) cuxas proxeccións terán lugar na Praza Maior, desde o día 1 de xullo ao 27 de agosto, a partires das 22:30 horas.
No mes de agosto chegará unha nova edición do “Terrasón”, cun total de seis actuacións que terán lugar os días 2, 7, 14, 22, 23 e 28 do mes, en diferentes localizacións da vila. Un concerto do Conxunto Moderno do Conservatorio, a 10ª edición do SilFest, o Diververán no Campo da Festa, a Feira Medieval de Tremiñá, as actividades do Concello para a divulgación da eclipse, as XLI Xornadas de Folclore, a XXXV Semana do Cine, a Feira de produtos tradicionais, ou a chegada das Festas do Cristo e a actuación de Luis Piedrahita uns días máis tarde, son outras iniciativas incluídas na programación que serán presentadas ao longo do verán.
Era no ciclo “De Perto” no que facía fincapé Pizcueta, detallando que nesta 14ª desta proposta, adicada á “palabra contada, cantada e rimada”; incluíranse 7 propostas, que terán como escenarios o Xardín da Casa Grande e a Praia Fluvial do Malecón. “Este ciclo é un brinde á tradición máis esquecida”, pero tamén está marcado pola innovación e a transgresión, indicaba Margarida Pizcueta, antes de referirse ao programa deste ano.
A primeira das citas está prevista para o 30 de xuño e virá da man de Cándida da Luz con “Brava Raiz”, o 7 de xullo será a quenda de Irene Reina con “Raianas”, o 14 de xullo Lois Pérez traerá o seu espectáculo “Da vara e mais da esta”, o 21 de xullo Lines da Silva (Lila Teatro) presentará “Estremonias da Silva”, o 24 de xullo virán Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín con “Dous ollos de vidro”, Vero Rilo achegará o 28 de xullo o mundo das “Lavandeiras” e, finalmente, o 31 de xullo Carmela dará a coñecer o seu traballo musical “Vinde Todas”. Agás este último espectáculo e o de “Dous ollos de vidro”, previstos para as 22:30h., o resto serán ás 20:30h.
O cartel deste ano é unha creación de Uxía Nayra Yáñez Netto, estudante de 1º de Bacharelato do IES Martaguisela.

“Queremos reforzar a aposta por unha cultura accesible, participativa e de calidade”, con propostas pensadas para espazos públicos e que “fagan do Barco un destino atractivo durante os meses do verán”, resaltaba a concelleira de Cultura, concluíndo que con este programa “a cultura sae ao encontro das xentes”.
Fotos: A.R.
Vídeo: O SIL.


