
Este verán O Barco estreará o programa “Vacacións Seguras O Barco”, unha iniciativa balde de colaboración cidadá destinada a incrementar a prevención e mellorar a capacidade de resposta ante posibles incidencias en vivendas, establecementos comerciais ou mesmo naves industriais durante os períodos vacacionais. Está promovida polo Concello e pola Policía Local do Barco e funcionará durante os meses de xullo e agosto. Así, sinalaban esta mañá en rolda de prensa o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, e o inspector xefe da Policía Local, Fernando Lozano.
O servizo funcionará da seguinte maneira: as persoas que se ausenten temporalmente do municipio (tanto no casco urbano como nos núcleos rurais) poderán comunicar voluntariamente á Policía Local, cubrindo unha ficha a seguinte información:
– Datos persoais.
– Dirección da vivenda ou establecemento.
– Datas aproximadas de ausencia.
– Teléfono de contacto.
– Persoa de confianza, no seu caso.
“Será un documento confidencial, e con esa información, dentro das nosas patrullas habituais faremos unha maior incidencia neses sitios que sabemos que están de vacacións ou ben que se vaian unha fin de semana”, explicaba Fernando Lozano. Os datos serán eliminados unha vez remate o período de ausencia comunicado, matiza do Concello. “É un servizo a maiores do que xa se estaba prestando, unha presenza máis da cidadanía dentro da atención da Policía Local”, engadía o inspector xefe da Policía Local.

O programa inclúe:
– Incorporación dos inmobles inscritos a un rexistro temporal e reservado de carácter exclusivamente policial.
– Inclusión das vivendas e establecementos nas labores ordinarias de prevención e vixilancia que realice a Policía Local durante a prestación do servizo.
– Contacto inmediato coa persoa titular ou a persoa autorizada no caso de detectarse calquera incidencia que requira o seu coñecemento.
– Coordinación cos servizos de emerxencia e coas Forzas e Corpos de Seguridade cando as circunstancias o aconsellen.
Este programa ten carácter preventivo e de colaboración cidadá, segundo incidía Lozano. A adhesión ao mesmo non supón a prestación dun servizo de vixilancia permanente, individualizada ou exclusiva sobre as vivendas ou establecementos inscritos, realizándose as actuacións en función das dispoñibilidades operativas e dos servizos ordinarios da Policía Local.
O alcalde do Barco, Aurentino Alonso, sinalaba que se trata dun servizo que ten “un custo mínimo para o Concello, moi efectivo e que resulta moi agradecido pola cidadanía”. Así mesmo, agradecía a predisposición da Policía Local a poñer en marcha este proxecto.
Fotos: A.R.
Vídeo: O SIL.

