O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacaba hoxe no Bolo a aposta do Goberno por converter a paisaxe e o patrimonio de Valdeorras en motores de desenvolvemento turístico. Fíxoo durante a visita ao novo miradoiro de Outardepregos (O Bolo), unha das accións incluídas no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) “Valdeorras, ruta do viño milenaria”, convocado e financiado polo Ministerio de Industria e Turismo.
Na visita, Eladio Santos comprobaba o resultado deste miradoiro que ofrece unha vista única á zona máis occidental de viñedos de Valdeorras, concretamente dos municipios do Bolo, Petín e Larouco, e que completa a rede de miradoiros de puntos de interese paisaxístico e patrimonial da comarca, incluída no PSTD. Estivo acompañado polo alcalde do Bolo, Miguel Ángel García, e o tenente de alcalde, Alberto Vázquez, entre outros representantes municipais.
O subdelegado indicou que o investimento en turismo sostible xera oportunidades para o territorio. “Con esta rede de miradoiros, poñemos en valor a extraordinaria paisaxe de Valdeorras, o seu patrimonio natural, a súa cultura do viño e a súa capacidade para atraer un turismo de calidade durante todo o ano”, remarcou.
Neste sentido, Eladio Santos explicou que esta acción “reúne as condicións para cumprir os obxectivos da estratexia turística do Goberno de España, centrados no modelo de triple sustentabilidade: económica, social e ambiental”. Así mesmo incidía en que “é exemplo dun enfoque do turismo que protexe a paisaxe, impulsa o desenvolvemento local e converte os recursos do territorio en novas oportunidades para os seus veciños e veciñas”, sinalou.

O subdelegado explicaba que o PSTD de convocatoria extraordinaria “Valdeorras, ruta do viño milenaria”, xestionado pola Asociación GDR Valdeorras, recibiu 1,5 millóns de euros de financiamento de fondos Next Generation por parte da Secretaría de Estado de Turismo. “Este plan dotado de recursos está a ser un revulsivo para a comarca de Valdeorras, que diversificou a súa oferta turística con resultados óptimos”, apuntaba.
Fotos: Carlos G. Hervella.



