CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

La Paloma pon o broche musical de ouro á primeira xornada do SilFest Valdeorras 2026

 

Como cabeza de cartel era unha das bandas máis esperadas polo público do SilFest Valdeorras e non defraudou. Tras os concertos de Mazu, Zabriskie e Begut, coa música disco pinchada por Dani Argü en entre banda e banda, pasada xa a medianoite do venres 3 de xullo subíase ao escenario La Paloma, unha das bandas máis emocionantes do rock alternativo español que chegaba ao festival do Barco en plena forma.

 

 

O trío madrileño formado por Nico Yubero, Lucas Sierra e Juan Rojo nacía no barrio de Tetuán durante a pandemia e desde o seu debut co EP Una idea, pero es triste (2021) conquistou a toda unha xeración co seu “noise pop cargado de guitarras, retrousos demoledores e letras directas que capturan a rabia e a nostalxia xuvenil”, destacan dende a organización do SilFest, asegurando que temas como Bravo Murillo convertéronse en himnos instantáneos, e o seu álbume Todavía no (2023) confirmou o seu status.

 

 

En 2025 lanzaron Un golpe de suerte (A Castanya/Universal), un disco de once cancións que condensa a súa esencia: melodías irresistibles, enerxía desbordante e esa sensibilidade única que lles consolidou como referentes do rock de guitarras en España. Temas como Intacto, Si no me muevo e Sale el sol que demostran a madurez dunha banda que non perdeu nin un chisco de intensidade sobre o escenario Mahou do SilFest Valdeorras convertendo a súa actuación nun dos momentos álxidos do festival, “con toda a enerxía que converteu á Paloma en imprescindibles da escena indie española”.

 

 

E entre concerto e concerto, o público desfrutaba das diferentes alternativas do festival á beira do río Sil, tentando facer fronte ás altas temperaturas.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Back to top button