En portadaÚltima horaVídeos

A Raíña Dna. Sofía coñece en Oulego (Rubiá) o proxecto de rehabilitación dunha alvariza afectada polo lume

A Xunta e a Fundación Reina Sofía destinan máis de 170.000 euros a executar este ano dúas actuacións en espazos protexidos, en Rubiá e Folgoso do Courel

 

A xornada deste mércores 8 de xullo pasará a formar parte da historia do concello de Rubiá por ter recibido nun dos seus espazos de referencia, a un membro da Casa Real.

 

 

Pasadas as 11:15 horas e precedida por un gran servizo de garda, chegaba á praza de Oulego onde agardaba un bo número de veciños, a Súa Maxestade a Raíña Dona Sofía quen acompañada pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez polo delegado de Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e por numerosas autoridades locais, provinciais e autonómicas, realizaba unha visita ás zonas que serán obxecto de ambas actuacións, impulsadas no marco do convenio que asinaron ambas institucións o pasado mes de xaneiro polo cal a Xunta de Galicia e a Fundación Reina Sofía executarán este ano, cun investimento total que supera os 170.000 euros, dúas intervencións de restauración ambiental en espazos protexidos afectados por incendios forestais nos concellos de Rubiá (Ourense) e de Folgoso do Courel (Lugo).

 

 

 

A primeira parada da Raíña, tras facer noite no Pazo do Castro, no Barco, era o miradoiro de Oulego onde tras saudar ás autoridades pudo observar a alvariza tradicional en pleno corazón do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra que resultou afectada o ano pasado por un incendio forestal e que se quere recuperar agora, xunto coa pista de acceso. No mesmo punto, coñeceu de primeira man o obxectivo desta actuación,  “rehabilitar a estrutura para posteriormente instalar colmeas activas e así promover a actividade apícola local e, ao mesmo tempo, favorecer a restauración florística da contorna”, explicaba diante do panel o subdirector de Espazos Naturais na Consellería de Medio Ambiente, Tomás Fernández. Non en balde, “estas construcións tradicionais de pedra -xeralmente de planta circular e destinadas orixinalmente a protexer un conxunto de colmeas dos ataques do oso- representan non só un elemento patrimonial emblemático e singular de Galicia, senón que na actualidade considéranse ademais necesarias para promover a potenciación de poboacións de especies polinizadoras”, dixo, asegurando que malia haber máis iniciativas, esta pareceulles “máis pioneira e de interese que poden marcar o camiño para futuras restauracións de alvarizas, non só como patrimonio senón para vover a poñelas en explotación porque moitas fóronse abandonando”.

 

 

Os proxectos para acometer a restauración ambiental tanto deste espazo como do do Folgoso do Courel xa están redactados e será a Consellería a que se ocupe da execución. Máis concretamente, a previsión “é poder iniciar os traballos -cunha duración de catro meses cada un- ao longo deste mes de xullo, co obxectivo de que estean rematados antes de que acabe o ano”.

 

 

 

A conselleira Ángeles Vázquez puxo en valor o apoio recibido por parte da Fundación Reina Sofía -cunha achega de 65.000 euros que se verá completada con fondos propios da Xunta e tamén con financiamento europeo do Programa FEDER- para acometer as intervencións previstas en Rubiá e Folgoso do Courel, dous proxectos que, recalcou, “contribuirán á recuperación ecolóxica, social e paisaxística de ecosistemas clave para estes espazos protexidos e de contornas emblemáticas afectadas polos incendios”.

 

 

Ao respecto, o alcalde de Rubiá Elías Rodríguez, asegurou que a restauración da alvariza e sobre todo a visita da Raíña servirá para poñelos no mapa. “Se a Serra da Enciña da Lastra vai pouco a pouco gañando visitantes, a partir de hoxe isto irá a máis”, dixo, recoñecendo que é unha honra que de todos os núcleos de poboación Dona Sofía escollese Oulego para visitar. “É unha honra ter aquí á Raíña Emérita, un momento que estamos a vivir con moita ilusión e tamén nervios.”

 

 

Antes de partir, rumbo á seguinte parada no Folgoso do Courel, a Raíña acercábase ata os veciños que levaban varias horas agardando, recibindo numerosas mostras de cariño. E velando pola seguridade, persoal da Casa Real, Garda Civil de Tráfico, GRS, USECIC e Guía Canino e membros das Agrupacións de Voluntarios de Proteccion Civil do Barco, Vilamartín de Valdeorras e A Rúa.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Back to top button