Combates entre gladiadores romanos e castrexos, pero tamén traizóns, tretas, feitizos e mesmo unha voda prohibida e un peregrino, que alertaba sobre a ameaza imperial. Ao longo do sábado 22 de agosto, a vila de Quiroga viaxaba dous mil anos atrás para revivir o seu pasado imperial coa décima edición da festa Qui-Roma.
O seu programa, que arrancaba ás 9:30h. cunha ruta de cabalos e continuaba coa apertura do mercado, incluía unha chea de actividades de diverso tipo que culminaban coa multitudinaria recreación de loita de gladiadores qui-romanos contra os castrexos, no anfiteatro do Auditorio, ante a mirada atenta da garda romana Lucus Equites e dos líderes locais e romanos.




Unha voda castrexo-romana prohibida marcaba o relato desta edición. Os castrexos defendíana, fronte á oposición dos romanos, e, para dirimir a cuestión, decidíase facer un combate entre gladiadores castrexos e romanos. Na primeira das loitas impoñíase o castrexo, pero unha traizón dos seus, cambiaba o resultado, a favor do Imperio. Vitoria castrexa na segunda e, xa na terceira, marcada pola igualdade o combate quedaba conxelado pola intervención máxica da druída, quen, logo de interpretar un fermoso canto, facía revivir a pelexa pero, para sorpresa, do público, en lugar de seguir enfrontándose, os gladiadores fundíase nunha aperta e tamén o resto dos combentes de ambos bandos.


E o mesmo acontecía co resto dos loitadores e os presentes. Vencía a paz e a voda, finalmente, celebrábase e remataba cun agasallo moi especial un boi.
Deste xeito, concluía o combate, que, como a festa, volvía a celebrarse logo do parón obrigado dos incendios do pasado verán. Ao final, da recreación, Andrés Novoa, dende a organización agradecía a colaboración dos participantes para facer posible este evento e tamén do público.

Este combate ía precedido dun tamén moi concorrido desfile “Arde Loucos”, no que participaban romanos dacabalo, a garda romana Lucus Equites, os bos da Gandería de Mario Nogueira, un grupo de gaitas e a Tambukada, ademais de numerosas persoas vestidas de época. A comitiva percorría o centro da vila, dende a rúa Real ata o Auditorio.
Fotos: A.R.
Vídeos: O SIL.


