“Nove séculos, case un milenio, é o intervalo temporal máis prudente que se pode ofrecer a día de hoxe sobre a vellez da localidade de San Vicente de Leira. Incrustado nun conxunto montañoso ourensán que marca o punto de converxencia principal das delimitacións xeográficas coas provincias de Lugo e de León, San Vicente e a súa serra conectan Valdeorras con ambas”. Así escribe o investigador e historiador Christian Barrio Fernández sobre esta aldea de Vilamartín, da que procede a súa familia materna e que se converte en parte central do seu terceiro libro: “Os irmaus do Cantón. San Vicente de Leira en la Guerra Civil, unha historia olvidada para un pueblo olvidado”.
Nun dos escenarios que aparecen nesa obra, o Souto da Vella, entre árbores queimadas e co marco da aldea en ruinas tras o devastador incendio do pasado verán, este escribor barquense presentaba no mediodía deste 23 de agosto esta obra, que conta a historia deste pobo e pon o foco en Domingo Fernández Vega, o seu bisavó, e no seu irmán Juan, cuxas vidas teñen un tráxico desenlace marcado pola represión.
Con este libro, Barrio Fernández segue poñendo en valor a historia local e pecha un ciclo literario e de investigación vinculado á súa familia ,que se iniciaba en 2022 con “José Barrio, el último guardia de la mina de Valborraz”, no que achegaba a historia do seu avó paterno ligada ao volframio; e afondando nesa liña continuaba con “Manuela. Historia de una huida hacia los montes de Casaio”, no marco xeográfico de Carballeda de Valdeorras.
Esta presentación en San Vicente de Leira é a primeira das que ten previsto realizar do seu novo libro en Valdeorras. A seguinte terá lugar en Vilamartín en setembro.
Fotos e vídeo cedidos.
