En portadaÚltima horaVídeos

Rueda achégase á vendima valdeorresa e visita un dos viñedos da Cooperativa Jesús Nazareno do Barco

 

Ata un viñedo da zona das Gulpilleiras no Barco, no que se está a realizar a vendima, achegábase esta mañá o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Esta viña é unha das viñas dos socios da Bodega Cooperativa Jesús Nazareno-Vinos Barco, unha das de referencia da Denominación de Orixe Valdeorras.

O titular do Goberno galego estaba acompañado polo presidente da cooperativa, José Manuel Delgado, así como por outras autoridades como o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; o delegado da Xunta na provincia, Manuel Pardo; ou o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, entre outras.

Rueda comenta que as denominacións de orixe galegas están en plena vendima e agradecía a acollida do viticultor propietario da parcela visitada, Ángel, que é terceira xeración nesta actividade.

 

 

O subdelegado indicou que as catro D.O. da provincia de Ourense xa teñen a vendima en marcha. “Unha vendima que promete ser de moitísima calidade e abundante, pois segundo as previsións recolleranse uns oito millóns de kilos en Valdeorras”, sinalou. Eladio Santos animou ao sector a continuar a aposta polos produtos de calidade e pola internacionalización.

Posteriormente realizábase unha visita ás instalacións da adega cooperativa, situadas na rúa Florencio Delgado Gurrarián, no barrio de San Roque.

Alí o presidente da Xunta cualificaba o sector vitivinícola como estratéxico para Galicia e confiaba en que a vendima deste ano sexa abondosa e de excelente calidade en toda a comunidade, segundo apuntan as previsións e sempre que non haxa incidencias.

Como vén sendo tendencia nos últimos anos, a vendima iniciouse antes do habitual pero as perspectivas coas que se traballan é que se acadará unha boa produción, cunha excelente calidade. Continuaríase así a tendencia do ano pasado, cando xa se rexistrou a segunda colleita máis abondosa da década.

Na súa intervención, o titular do Executivo autonómico puxo a esta adega -fundada a finais dos anos 50- como un “perfecto exemplo” dun sector que soubo adaptarse aos novos tempos sen abandonar os valores fundacionais. Segundo salientou o presidente, o sector vitivinícola ten un peso insubstituíble como motor económico, na produción agroalimentaria galega e tamén é unha “perfecta expresión desa Galicia Calidade que hai que seguir mantendo para triunfar nun mundo tan competitivo”. Na comunidade hai preto de 10.000 viticultores e máis de 440 adegas que elaboran viño con algún selo de identidade.

Rueda sinalou que este foi un “verán excelente desde o punto de vista turístico” e apostou por seguir poñendo en marcha iniciativas coma esta, ben sexan adegas ou outros negocios, que aproveiten as oportunidades que brinda o rural.

Fotos e vídeos: O SIL.

Back to top button