ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

Diana Urdangaray despídese da Concellería de Medio Ambiente do Barco por motivos laborais

Daba conta da súa renuncia ao cargo de concelleira na sesión plenaria de setembro celebrada neste 3 de setembro

 

Entre aplausos e bágoas despedíase do seu cargo de concelleira de Medio Ambiente dentro do equipo de goberno do Barco, tras 11 anos, a socialista Diana Urdangaray. A toma en consideración da súa renuncia ao posto tiña lugar na parte final da orde do día do pleno ordinario deste 3 de setembro e na súa intervención comezaba explicando que o motivo de “dar este paso ao lado e pechar este ciclo municipal” é por motivos laborais. “Comecei a traballar nunha empresa con sede en Ourense, o que me complica moito poder conciliar a vida profesional e a laboral”.

Para Urdangaray, que tamén era segunda tenente de alcalde, “asumir a xestión ambiental do Concello do Barco foi un proxecto enriquecedor e complexo, sei que a miña Concellería non é “tan recoñecida” como outras pero son moitos os logros importantes que conseguiron a través dela”.

 

 

A partir de mañá, proseguía, “volvo ser unha veciña máis, agradecida de ser consciente de todo o que implica sacar unha Concellería adiante, pido perdón polos erros que cometín que, por suposto, non foron intencionados. E pídolle desculpas aos meus compañeiros de partido por deixalos a tan só 9 meses de cumprir a lexislatura, pero eu son das que pensa que para estar de concelleira hai que dar o 100% e eu nestes momentos non podo dalo”.

E remata con agradecementos e asegurando, con relación á persoa que ocupará o cargo que ela deixa, Javier Rodríguez Tato, que “sei que quedades en boas mans. Javier, deséxoche o mellor nesta andadura que vas comezar”.

 

 

Pola súa banda o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, agracecía a “súa lealdade e dispoñibilidade” e manifestaba que era perfectamente comprensible que o seu novo rumbo profesional lle impida compatibilizar ese labor co cargo.

Fotos: A.R.

Vídeos: O SIL.

Back to top button