Entre os asuntos que resultaban aprobados na sesión plenaria que a Corporación municipal do Barco celebraba na tarde deste 3 de setembro figuraba unha moción presentada polo grupo do BNG e defendida polo seu voceiro, Manuel Agra, na que se pedía que o Concello do Barco de Valdeorras implante unha liña de axudas directas a familias con menores en tratamento terapéutico e tamén a familias con menores con enfermidade celíaca.
A iniciativa comezaba explicando que “o tratamento terapéutico é un conxunto de prácticas, intervencións, estratexias ou coidados especializados que teñen como obxectivo curar, paliar, rehabilitar ou previr trastornos, doenzas ou dificultades que afectan á saúde física, mental, emocional ou social dunha persoa. Polo tanto, non estamos falando de medicamentos senón de terapias de desenvolvemento e da conduta”.
E tamén se indicaba que, entre os principais tipos de tratamentos terapéuticos na infancia, figuran a “Psicoloxía infantil e Psicoterapia, que axuda a tratar problemas emocionais, trastornos de conduta, ansiedade, depresión, dificultades de adaptación ou situacións derivadas do TDAH (Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade) ou Trastorno do Espectro Autista (TEA); a Logopedia / Reeducación da linguaxe, que intervén para corrixir trastornos da fala, atrasos na adquisición da linguaxe, problemas de comprensión escrita, dislexia ou dificultades na deglutición; a Terapia Ocupacional e Integración Sensorial, que ensina ao menor a gañar autonomía nas actividades diarias (vestirse, comer, escribir) cando existen problemas de coordinación motriz ou dificultades para procesar estímulos (ruídos, texturas); a Fisioterapia neurolóxica ou Psicomotricidade, tratamentos físicos para mellorar o movemento, a postura, o equilibrio e a forza en nenos con lesións cerebrais, atrasos motores ou enfermidades neuromusculares”.
Por outra banda, Agra tamén se refería na súa intervención á enfermidade celíaca, que “é un trastorno autoinmunitario crónico e sistémico provocado por unha intolerancia permanente ao gluten, unha proteína presente no trigo, cebada e centeo”. Debido ao anterior, “as familias con persoas celíacas necesitan mercar alimentos elaborados especificamente para elas, o cal supón unha carga económica considerable. Segundo a Federación de Asociaciones de Celíacos de España (FACE), “o sobrecusto da dieta sen gluten mantense preto dos 1000€ anuais por persoa.”

Neste senso, o BNG do Barco sinala que “xa hai concellos galegos que teñen en conta os sacrificios económicos que se ven obrigadas a realizar as familias con membros que necesitan estas terapias. Queremos que o Concello do Barco amose tamén a súa sensibilidade coas persoas que precisan deses tratamentos” e, así, solicita na moción ao pleno que se aprobasen os seguintes acordos: que “o Concello do Barco de Valdeorras implantará unha liña de axudas directas a familias con menores en tratamento terapéutico e unha liña de axudas directas a familias con menores con enfermidade celíaca”.
Antes do debate da moción, o grupo do BNG acepataba unha emenda de adición do grupo socialista, na que se engadía ao texto inicial da moción que Xunta financie tamén este tipo de axudas.
A iniciativa contaba co respaldo tanto do PP como do grupo de goberno socialista. Así, a voceira municipal do PP, Maite Estévez, aseguraba que “estamos totalmente de acordo coa moción, coñecemos a situación das familias tanto en tratamentos terapéuticos como celíacas”. Así mesmo, indicaba que dende o grupo popular descoñecíase como poden ser este tipo de axudas no caso de implantarse dende o Concello e tamén se existían no caso da Xunta e tamén preguntaba qué cantidade podería destinarse a elas.

Pola súa banda, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, contestaba que ata que non se elaboren os orzamentos do vindeiro ano “non poderemos saber canta cantidade poderemos destinar”. Tamén comentaba que neste punto “estamos introducindo outras competencias impropias do Concello e estamos de acordo todos os grupos en facelo, que son propias realmente da Xunta de Galicia”.
Ademais, o concelleiro de Asuntos Sociais e Sanidade, Orlando Saavedra, indicía na posición do grupo de goberno nesta cuestión. Sinalaba que o tipo de costes aos que se refería á moción “no noso distrito sanitario isto afecta a unha gran parte da nosa poboación e faise insostible en moitas familias, xa sexa porque deban trasladarse para realizar estudos ou tratamentos a Ourense, non só por hospital de referencia senón como resultado da concentración de recursos sanitarios da provincia, e pola perda de capacidade asistencial e resolutiva do Hospital de Valdeorras”.

Saavedra concluía asegurando que esta moción debe ser, alomenos, “un alegato contundente á precarización do financiamento do sistema público de saúde” e indicando que “temos que ser conscientes de que nesta dinámica non podemos baixar os brazos e o grupo socialista ten un compromiso co sistema sanitario público e como equipo de goberno, como Concello, non hai dúbida de que temos sensibilidade e daremos o noso voto positivo a esta moción. E para iso deberemos asignar nos orzamentos correspondentes, adecuado á proporcionalidade do noso Concello dende o punto de vista orzamentario, realizando o censo correspondente e regulando as condicións dos beneficiarios que lle dean acceso directo a ditas prestacións”.
Finalmente, a moción resultaba aprobada por unanimidade.
Fotos: A.R.
Vídeo: O SIL.