Con cambio de ubicación con respecto ao previsto inicialmente, no mediodía deste soleado e caluroso sábado 5 de agosto abría as portas na rúa Academia Dequidt (praza Andrés de Prada) a IV edición da Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico de Galicia e Norte de Portugal que, durante toda a fin de semana ofrecerá mil e unha propostas para degustar e mercar, ademais de música e actividades complementarias pensadas para desfrute de toda a familia.
A encargada de dar a benvida a produtores e visitantes era a concelleira de Comercio e Turismo Alba Rodríguez, quen aseguraba que hoxe celebran moito máis que unha feira. “Celebramos a nosa identidade, as nosas tradicións, o traballo das persoas que manteñen avivo o noso territorio e un xeito de entender a economía e o desenvolvemento que pon en valor o que somos e o que sabemos facer”.
Os produtos tradicionais, entre eles os que aquí poden atoparse (queixo, mel, doces, embutidos, viño e mesmo paté) representan a historia de moitas xeracións. “Detrás de cada alimento, de cada produto que podemos descubrir nesta feira, hai coñecemento, esforzo, adicación e sobre todo un profundo vínnculo coa terra”, dixo a concelleira, asegurando que o Eixo Atlántico representa esa vontade de unir territorios, crear lazos e demostrar que “cando colaboramos somos moito máis fortes”.
Nesta edición hai instalados 20 stands de diferentes partes de Galicia e Portugal con produtos gastronómicos, de artesanía e tamén cosmética natural, de calidade, garantía de orixe, e elaborados no rural.
O horario da feira é de 11 a 14 e de 17 a 21 horas, e igual que noutras edicións, conta con actividades complementarias. Hoxe, a II edición do Concurso Debuxa O Sil no Paseo do Malecón. Tamén hai catas a cargo da enóloga Cristina Murga, na praza do Príncipe (hoxe e mañá ás 12 horas); e obradoiros de barro (hoxe) e cosmética natural (mañá) en horario de mañá e tarde. Hoxe pola tarde tamén haberá un showcooking a cargo de Alén Tarrio de Casa Pampín, restaurante cunha estrela michelín que se desenvolverá a partir das 19 horas con degustación incluída.
A música é outros dos ingredientes que nunha faltan neste evento. Os Parrandas animaban a inauguración e a partir das 20:30 horas actuará Ariadna Santana seguida do Dj Rapariga. Dos en Punto amenizará a sesión vermú de mañá.


Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.