
O Grupo Cuevas e Xantar convocan de novo o Concurso Gourmet, que celebra este ano a súa XIV edición no marco do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que terá lugar en Expourense do 19 ao 22 de novembro de 2026. O certame ten como obxectivo promover o uso da castaña en todo tipo de propostas culinarias, desde as receitas máis tradicionais ata as elaboracións máis experimentais e innovadoras. Considerada durante séculos un alimento básico en moitas dietas, a castaña volve reivindicar o seu protagonismo na cociña actual a través desta iniciativa, que busca redescubrir as súas posibilidades gastronómicas.
Poderán participar todas as persoas maiores de 18 anos, tanto profesionais como afeccionadas á cociña. As candidaturas poderán presentarse a título individual ou en representación dunha asociación, escola ou colectivo, e a participación poderá ser individual ou en grupo, cun máximo de tres persoas por candidatura.
O prazo de recepción de receitas finalizará o mércores 11 de novembro ás 13.30 horas. Entre as propostas presentadas seleccionaranse tres receitas finalistas, que se elaborarán en directo ante un xurado profesional durante a xornada inaugural de Xantar, o 19 de novembro. As elaboracións terán lugar na aula Gastronómica Grupo Cuevas de Xantar 2026.
Para valorar as receitas, o xurado terá en conta aspectos como a presentación, a aplicación da castaña ao prato, a dificultade de elaboración, o gusto e o aroma, así como a orixinalidade e a creatividade.
O acto oficial de clausura de Xantar, previsto para o domingo 22 de novembro, será o escenario da entrega de premios. O gañador recibirá un vale de compra de 300 euros para Plenus, Aquié ou Cuevas Cash, alén dun lote de produtos Cuevas Chef.
As persoas interesadas en participar poden solicitar información e presentar a súa candidatura contactando con Expourense a través do teléfono 988 366 030 ou do correo electrónico marketing@expourense.org. As bases completas do concurso están dispoñibles en www.xantar.org.
Gañador da última edición
O gañador da XIII edición do Concurso Gourmet Grupo Cuevas, celebrada no marco de Xantar 2025, foi o chef noiés Marcos Arufe Blanco, coa súa proposta «Galicia – Kiev».A receita combinou unha maridaxe composta por un milhojas de mazá e améndoas con base de turrón de castañas e un cóctel típico de Kiev elaborado con caldo de azucre de castañas.
