OurenseÚltima hora

O pleno provincial aproba unha modificación de crédito que destina máis de 6,3M€ para o financiamento de preto de 200 actuacións municipais

O documento destina recursos aos 92 concellos da provincia, principalmente a infraestruturas, servizos públicos básicos e adquisición de maquinaria para a prevención de incendios forestais

A Corporación provincial de Ourense aprobou esta mañá, no pleno correspondente ao mes de outubro, un expediente de modificación de crédito por un importe próximo a 7,8 millóns de euros (7.799.179,82), dos que máis de 6,3 millóns van destinados a investimentos municipais. O documento divídese en suplementos de crédito e créditos extraordinarios con cargo a maiores ingresos recadados.

O expediente reserva un total de 6.385.572,04 euros para o financiamento de 184 actuacións municipais nos 92 concellos da provincia e unha mancomunidade. Desta cantidade, case 5 millóns de euros (4.945.572,04) corresponden a suplementos de crédito para executar, entre outros, proxectos relacionados coa construción e dotación de residencias para maiores, rehabilitación de vivendas, instalacións deportivas e culturais, pavimentación de viarios locais e humanización de rúas, adquisición de maquinaria, eficiencia enerxética, captacións de auga, abastecemento e saneamento, alumeado público, e accións vinculadas ao medio ambiente e recursos turísticos. Tamén figura o Concello de Ourense, con 15.000 euros de achega para melloras no auditorio municipal.

Este apartado de cooperación local complétase con 1.440.000 euros en créditos extraordinarios que terán como destino o convenio coa Consellería de Medio Rural para o financiamento da adquisición, por parte dos concellos, de maquinaria para a prevención e loita contra os incendios forestais. Trátase do acordo correspondente ao ano 2026, polo que 11 concellos e unha mancomunidade contarán con 120.000 euros cada un para a compra dun tractor con rozadoira.

Por outra banda, o expediente tamén inclúe, no capítulo de suplementos de crédito, unha partida de preto de 600.000 euros (589.647) para o funcionamento dos servizos da Deputación. Con máis dunha ducia de actuacións, destacan as destinadas a suplementar os custos derivados do consumo de enerxía eléctrica nos edificios provinciais.

 

 

Ademais, o documento recolle case 800.000 euros (789.960,78) para compromisos adquiridos con Meisa e 34.000 euros máis para o plan de cooperación de obras co Concello de Ourense. Esta última cantidade divídese en 27.000 euros para a prórroga de tres obras do plan 2025-2026, e os restantes 7.000 para un novo programa de cooperación para o período 2026-2027.

Ordenanza de residuos e nova data do pleno de novembro

Entre os asuntos de trámite, a orde do día incluíu a modificación da ordenanza de recollida, transporte e tratamento de residuos, co fin de incluír neste servizo ao Concello do Barco de Valdeorras con efectos de 1 de xaneiro de 2027. Esta será a entidade local número 61 que teña delegada a xestión do lixo na Deputación.
O pleno tamén acordou cambiar a data da sesión ordinaria de novembro, pola coincidencia coas eleccións xerais, que pasará a celebrarse o 3 de decembro, mentres que as comisións informativas convocaranse para o 25 de novembro.

Capítulo de proposicións

No capítulo de proposicións, a Corporación aprobou unha iniciativa para a posta en marcha dunha rede de conexións de proximidade mediante a implantación dun metro lixeiro de superficie. Un proxecto que aproveitaría as infraestruturas ferroviarias en desuso para crear unha rede metropolitana que conecte a cidade cos barrios, o campus universitario, as zonas industriais e concellos como Ribadavia, O Carballiño ou Os Peares, dando cobertura a unhas 170.000 persoas.

A moción aprobada pide recuperar e adaptar un proxecto que data de principios deste século, para impulsar unha rede de transporte público en superficie, unindo de forma sostible as áreas de maior actividade industrial, sanitaria e universitaria. Solicítase tamén a creación dun sistema de transporte metropolitano integrado e coordinado en horarios con este novo trazado ferroviario, co fin de facilitar ao máximo os desprazamentos entre municipios veciños. Remárcase tamén a necesidade de colaboración por parte de todas as administracións -Goberno, Xunta e concellos afectados- para garantir o desenvolvemento e viabilidade técnica da proposta.

 

 

Por último, o pleno tamén aprobou unha moción en defensa do sistema público de pensións, como piar do Estado de benestar e elemento clave para a cohesión social e territorial. O texto da iniciativa expón unha batería de medidas, entre as que figura que a Deputación de Ourense manifeste o seu firme compromiso coa defensa do sistema público de pensións; rexeitar calquera proceso de privatización ou de substitución por modelos de capitalización individual; e defender que os sistemas privados de aforro teñan sempre un carácter complementario e voluntario.

Pídese ademais á institución provincial que se pronuncie a favor de garantir a sustentabilidade e suficiencia das pensións presentes e futuras; e solicitar medidas específicas que aseguren a igualdade no acceso aos servizos públicos para os pensionistas do medio rural.

Back to top button