CulturaCulturaÚltima hora

Editadas cinco cartas de Ramón Otero Pedrayo a Ramón Cabanillas

Francisco Fernández Rei, investigador do Instituto da Lingua Galega da USC, é o autor das transcricións e dun estudo introdutorio

 

Coincidindo co 67 cabodano de Ramón Cabanillas, o 9 de novembro o Consello da Cultura Galega vén de publicar cinco cartas que Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) lle enviara durante a posguerra a Ramón Cabanillas Enríquez (Cambados, 1876-1959). O epistolario conservouno a súa neta e afillada Pitusa Vidal Cabanillas e está depositado no Arquivo do Museo Ramón Cabanillas do Concello de Cambados.

Nesta publicación, reprodúcense as cartas manuscritas, xunto coas transcricións nas que se respectan os trazos propios da lingua literaria de Otero Pedrayo, inzada de hiperenxebrismos léxicos e outros diferencialismos. Francisco Fernández Rei, investigador do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro da Real Academia Galega, é o autor das transcricións e dun estudo introdutorio para contextualizar as cartas e a amizade duradoira entre esas dúas figuras da cultura galega do século XX.

https://consellodacultura.gal/fondos_documentais/epistolarios/epistolario.php?epistolario=10589

Aínda que pertencían a xeracións diferentes, existiu grande afinidade política e ideolóxica e unha fonda amizade entre Cabanillas e Otero Pedrayo, que se mantivo mesmo nos anos da II República nos que o poeta cambadés viviu un “desterro” en Madrid, afastado da causa do galeguismo e distanciado da maioría dos seus “irmáns” nacionalistas.

A primeira, de 19 de marzo do 1945, é unha carta en verso na que fai a crónica dunha viaxe desde o seu pazo de Trasalba á Coruña para asistir a unha reunión da Academia Galega, logo de pasar por Ourense, Pontevedra, Compostela, Rianxo, onde visitou as irmás de Castelao, e o Padrón de Rosalía. Evoca a ausencia do amigo cambadés na súa “leda pelerinaxe” por Galicia, escrita en tercetos encadeados, e remata confesando: “Mais faltaches ti, e volvín tristeiro!”.

Na segunda, de agosto do 1948 desde Santander, anima a Cabanillas a retomar a creación poética e suxírelle escribir un libro de prosas galegas sobre as súas soidades, as viaxes, os amigos, o Salnés, a súa etapa de seminarista en San Martiño Pinario, os xogos e as vougas esperanzas de neno. A terceira carta, do 1956, é unha manifestación de agarimo de Otero Pedrayo e dos galeguistas de Galaxia o día da recepción simbólica en Vigo do patrimonio bibliográfico e documental de Fermín Penzol.

No Nadal do 1958 dálle conta da súa alegría polo libro Samos (“Ó chegar a Trasalba na noite de Nadal a casa soia e xiada estaba para min alumiada polo teu poema Samos”), á vez que gaba a calidade da súa poesía. E na quinta carta, enviada desde Buenos Aires en agosto de 1959, transmítelle a boa acollida da súa obra poética na emigración galega.

Esta correspondencia entre Otero Pedrayo e Cabanillas xa forma parte do Proxecto Epístola, creado no ano 2010 como froito das tarefas de recuperación e preservación dos fondos documentais realizadas polo Consello da Cultura Galega a partir da iniciativa de dixitalizar as fontes documentais de personalidades do ámbito da cultura e da política galegas depositados en arquivos públicos e privados.

Actualmente ese proxecto contén documentos persoais de figuras senlleiras que son fundamentais para o coñecemento da historia da Galicia contemporánea, como Rosalía de Castro, Luís Seoane, Valentín Paz-Andrade, Manuel Puente, Antonio Pérez Prado, Xosé Benito Abraira Carlos Maside, Isaac Díaz-Pardo, Lois Tobío, Silvio Santiago ou Ramón Piñeiro.

 

Back to top button