A Teixeira, localidade da Ribeira Sacra ourensá mantén con forza a tradición vitivinícola exaltando cada outono a nova colleita coa celebración da Festa do Viño Novo.
Mantendo o programa de todos os anos, a XXV edición do evento, sen dúbida unha das máis numerosas, tiña lugar na xornada deste sábado 21 de novembro, arrincando coa celebración da misa na capela. Á saída unha food truck do programa “Galicia sabe aMar”, con degustación de petiscos para ir abrindo boca.

De seguido, en torno ás 14 horas, comezaba o xantar na Nave da Gándara ao que asistían preto de 700 persoas que degustaban un menú a base de entremeses, empanada, polbo, carne ao caldeiro, postres, café e licores. Todo regado cos viños das adegas da D.O. Ribeira Sacra pertencentes ao municipio da Teixeira.

A música corría un ano máis a cargo da charanga trivesa TDB e entre os asistentes, acompañando ao alcalde, Xosé Vázquez, alcaldes da contorna, como o de Montederramo, Parada de Sil ou O Castro Caldelas entre outros, ademais da candidata do BNG pola provincia de Ourense, Noa Presas, e do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor quen felicitou ao Concello e á veciñanza por “manter viva durante un cuarto de século unha celebración que xa é un referente gastronómico e cultural da provincia”.

Menor destacou que o viño novo “é o primeiro froito da colleita e reflicte o esforzo de todo un ano na viña e nas adegas”, dixo, poñendo en valor a capacidade desta festa para “atraer visitantes e dar a coñecer o traballo do sector vitivinícola da Ribeira Sacra”.
Á cita tampouco faltaba a peña de cazadores do Barco que asiste en cada edición.
Fotos: Carlos G. Hervella.