OurenseÚltima hora

Eladio Santos felicita á Garda Civil polo traballo que permitiu desarticular un grupo criminal dedicado ao roubo en vivendas na provincia

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, felicitaba esta mañá á Garda Civil polo traballo que permitiu desarticular un grupo criminal dedicado ao roubo en vivendas en Ourense. Facíao xunto ao tenente coronel xefe da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo; ao capitán da Unidade Organizada da Policía Xudicial, Juan José López Castro, e ao comandante de Operacións Abel Rodríguez.

O subdelegado acudiu á Comandancia da Garda Civil para agradecer “o incansable labor” feito pola Garda Civil unha vez máis para manter a seguridade na provincia de Ourense. Así, puxo en valor a profesionalidade, a dedicación e a eficacia dos axentes, que conseguiron desarticular este grupo e contribuír a poñer fin á súa actividade delituosa. “Detrás de cada operación hai moitas horas de traballo, coordinación e esforzo, que non sempre son visibles, pero que resultan fundamentais para garantir a tranquilidade dos nosos veciños e veciñas”, recalcou.

Eladio Santos trasladou unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía e puntualizou que o grupo operaba só en inmobles nos que non detectaba persoas no interior. “Somos conscientes da preocupación que este tipo de delitos pode xerar, pero pedimos confianza no labor dos nosos profesionais. Seguimos traballando para garantir a protección de todas as persoas”, sinalou.

O subdelegado detallou que a investigación se iniciou o pasado día 30 de outubro, motivada por 6 roubos cometidos na provincia de Ourense. Por estes feitos foron detidas tres persoas o pasado día 18 de novembro na provincia de Pontevedra, despois de que sortearan ata en dúas ocasións diferentes, ás Unidades de Intervención da Garda Civil.

O grupo organizado agora detido empregaba vehículos compactos de gran cilindrada. O día da súa detención, dous vehículos da Garda Civil resultaron danados ante a colisión por parte doutro vehículo no que viaxaban os detidos. A este grupo organizado, atribúenselles preto de 20 roubos en vivendas nas provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña.

 

 

O seu modus operandi consistía en seleccionar previamente vivendas unifamiliares tipo chalé, situadas en urbanizacións ou zonas residenciais tranquilas. Actuaban sempre en horario nocturno, aproveitando as primeiras horas despois do anoitecer para perpetrar varios asaltos en distintos inmobles durante unha mesma xornada.

Despois de cometer os presuntos feitos delituosos ocultábanse nunha zona agreste de difícil acceso nun monte, situado na provincia de Pontevedra, e utilizaban para durmir unha tenda de campaña.

Froito da investigación, a Garda Civil puido recuperar diversas xoias, algunhas das cales foron recoñecidas polos seus lexítimos propietarios. Tamén se interviñeron diversas ferramentas empregadas nos feitos obxecto de investigación, diferentes placas de matrícula dobradas que intercambiaban de xeito constante para dificultar a súa identificación e localización, así como máis de 5.000 euros.

Back to top button