
Cruz Vermella realizou hoxe, 26 de xuño, o acto de peche do proxecto “Aprender Traballando para mozos en garantía xuvenil”, que conta co apoio, para o período 2016-2019, do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Emprego Xuvenil. O obxectivo deste programa é promover o acceso ao emprego dun dos grupos sociais máis afectados polo desemprego: os mozos.
Neste proxecto participan 20 persoas maiores de 18 anos e menores de 30, inscritos no sistema de Garantía Xuvenil. Combinouse a formació teórica con prácticas non laborables en empresas colaboradoras para unha formación e capacitación completa, neste caso no sector do comercio.
Na xornada de hoxe contaron coa intervención inicial de Felipe Ferreiro, Presidente Provincial de Cruz Vermella, serviu para intercambiar experiencias, opinións e para compartir as propostas de mellora para próximas edicións, sempre mirando cara ao futuro co obxectivo de aumentar as posibilidades dos participantes de acceder ao mercado laboral.
Ferreiro subliñou a implicación do alumnado e a súa motivación para alcanzar un obxectivo común: avanzar e progresar persoal e profesionalmente a través deste proxecto. Ademais realizou un agradecemento expreso ás empresas que colaboran e confían no Plan de Emprego de Cruz Vermella, tanto para a realización das prácticas como para a preselección de candidatos cando se trata dunha oferta laboral.
As clases teóricas complementáronse con actividades profesionais sectoriais, realizadas por empresas: charlas de iniciativas emprendedoras de éxito, así como sesións formativas de procura activa de emprego, a través da empresa de traballo temporal Ader. Outras empresas compartiron o seu coñecemento e experiencia, a través de visitas, como Carrefour e Téxtil Lonia, entre outras. Realizáronse visitas a recursos sociais de interese, como o Centro de Iniciativas Empresariais, a Cámara de Comercio ou a Confederación de Empresarios de Ourense.
Tamén houbo tempo para aprender sobre a conciliación e responsabilidade social corporativa, da man da Asociación de Mulleres Empresarias de Ourense. Esta actividade enmarcábase no taller “Correspóndeche, correspóndenos” sobre igualdade de oportunidades e outros temas como roles de xénero, violencia cara ás mulleres, etc.
Neste momento, e tras a realización das prácticas en 14 establecementos, 7 dos participantes do proxecto comezarán a traballar nos próximos días. En total, entre as catro edicións do proxecto participaron 80 mozos; 42 persoas foron contratadas posteriormente, o que supón un 52% de taxa de inserción laboral.



