
A sede de Cruz Vermella en Ourense acollía a reunión entre o director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, e Felipe Ferreiro, presidente provincial de Cruz Vermella, trala que tivo lugar o acto de entrega dun vehículo doado polo banco que se destinará principalmente a atender as necesidades de persoas maiores, especialmente traslados e acompañamentos a centros sanitarios.
Esta doazón súmase á xa realizada en 2021, cando a entidade bancaria realizara a entrega dun primeiro vehículo para estes programas. Por elo, Ferreiro recoñece en Abanca “unha grande aliada do noso labor social, supoñendo un importantísimo respaldo para a atención das persoas máis vulnerables”. “Neste caso falamos de persoas maiores, que maioritariamente viven soas nun entorno rural cada vez máis distanciado de recursos básicos, carecen de rede de apoio familiar ou veciñal e sobre as que existe unha considerable fenda dixital, e de aí que sexan un colectivo de atención prioritario para Cruz Vermella”, sinala.
Rubén Saavedra, director territorial de Abanca, sinala que “o apoio do banco á actividade que realiza Cruz Vermella no ámbito das persoas maiores reforza o noso compromiso histórico con este colectivo, que constitúe un dos eixos estratéxicos da nosa actividade, tanto no ámbito financeiro, con medidas para dar resposta ás súas necesidades específicas, como no da responsabilidade social, onde a Obra Social do banco, Afundación, realiza un magnífico traballo a través dos seus Espazos +60”.
Só durante o ano 2024, Cruz Vermella atendeu na provincia de Ourense a 2.915 persoas desde os seus proxectos dirixidos a persoas maiores e coidadoras, sendo o perfil tipo de usuaria unha muller de máis de 80 anos que vive soa. As cifras, en correspondencia coa realidade socioeconómica da provincia, van en aumento, e neste momento acada case 3.600 persoas que reciben apoio da organización: Teleasistencia, Axuda a Domicilio Complementaria, Enrédate, Préstamo de Produtos de Apoio e o programa de atención a persoas coidadoras.
Coches como os doados por Abanca resultan imprescindibles para que o persoal técnico realice visitas de valoración, seguimento e acompañamento aos domicilios dos maiores, pero tamén para que moitas persoas poidan ser trasladadas a consultas médicas, a realizar compras e xestións, a casas de familiares e mesmo a obradoiros e actividades lúdicas.



