
Hoxe está en Celanova o ‘Enredando Tour Amtega 2025, sendo a primeira das localidades da provincia de Ourense na que se desenvolverán obradoiros cuxo principal obxectivo é reducir a fenda dixital e proporcionar ferramentas para o uso das tecnoloxías ás persoas maiores de 55 anos.
Para promover a capacitación dixital das persoas participantes nos obradoiros, cóntase cunha furgoneta equipada con todos os dispositivos necesarios (portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes…) e móntase un espazo formativo itinerante nun lugar céntrico de cada localidade para favorecer a participación das persoas que desexen participar e vivan nela.
A iniciativa cumpre dous obxectivos primordiais. Por unha banda, que as persoas con 55 e máis anos non queden fora do mundo dixital e gocen de todas as súas vantaxes, e por outra, que o feito de vivir en pobos ou zonas rurais non supoña unha desvantaxe para elas.
Esta actividade é froito da colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Cruz Vermella en Galicia, que se uniron por terceiro ano para facer este roteiro e este programa formativo en competencias dixitais pola nosa comunidade autónoma. Reducir a fenda dixital entre a poboación á que atende Cruz Vermella en Galicia é o obxectivo do proxecto “Enredando”, que comezou no ano 2020 para evitar procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, de idade, nivel educativo ou zona de residencia, entre outros.

Contidos e novidades
Os obradoiros son impartidos por persoal especializado e voluntariado de Cruz Vermella e desenvólvese polas mañás, en horario de 10 a 14 horas. Neles ofrécense contidos formativos que faciliten o achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá. O máis importante é que o colectivo lle perda o medo ás tecnoloxías e que desenvolva habilidades básicas ao familiarizarse con aplicacións que empregan intelixencia artificial e con conceptos como a realidade inmersiva (para o que poderán probar lentes de realidade virtual). Tamén se realizarán sesións dedicadas de maneira específica á banca dixital e a ciberseguridade. Ademais, como novidade, realizaranse obradoiros para mellorar a capacitación dixital en persoas que estean á procura ou mellora de emprego.
Tras facer ruta na provincia de Pontevedra e parar en Celanova, chegará á rúa este xoves día 5 de xuño con parada na rúa Velázquez. O 10 irá ao Carballiño (praza Maior), o 11 a Ourense (rúa do Paseo, esquina CC Ángel Valente) e o 12 á Valenzá-Barbadás (Avda. Celanova nº 60).
As persoas interesadas nas actividades de “Enredando Tour” poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es. No espazo das formacións daráselles tamén o apoio dixital que necesiten e se quedan con dúbidas ou queren realizar algunha consulta, teñen a opción de recibir asesoramento a través da web enredando.gal



