Tamén nas categorías infantís se viven con intensidade os derbis comarcais de fútbol. Polo menos, así se reflectía no partido disputado na tarde do 4 de novembro no Campiño de Viloira entre os infantís do C.D. Barco e os do C.D. Rúa.
O encontro, seguido por numeroso público nas bancadas e a pé de campo, comezaba de cara para os rueses que se adiantaban no marcador co primeiro gol xa no 6′. Só catro minutos máis tarde, os visitantes aumentaban a distancia co segundo tanto, marcando un terceiro no 12′ e atacando unha e outra vez a portería baquense. Lonxe de amilanarse co marcador adverso, os rapaces de Paco Paradelo intensificaron o xogo e no minuto 17 marcaban o primero gol local, chegando ao descanso co 1-3.
Xa na segunda parte, os vermellos seguían atacando e no minuto 49 chegaba o segundo gol local, aínda que quedaban sen tempo para máis e o colexiado pitaba o final do encontro co 2-3 no marcador.
Con esta, os de Luis María Ferrer suman unha nova vitoria na liga (e xa van catro) e un total de 13 puntos situándose no terceiro posto da clasifiación. Os barquenses pola súa parte levan unicamente dúas vitorias e son oitavos.
Fotos: Mónica G. Bellver.