En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A fariña cubre Xinzo dando a benvida ao Entroido

O Domingo Fareleiro marca o inicio dun mes de festexos que rematará o 18 de febreiro (Piñata)

O Petardazo, ao ritmo das charangas, abría na medianoite do 21 de xaneiro o programa do Entroido 2018 en Xinzo de Limia. O ciclo máis longo desta festa que non rematará ata o domingo 18 de febreiro coa Piñata. E entre medias, catro domingos que nesta localidade ourensá cobran un significado especial.

O primeiro, o Fareleiro, tiña lugar na tarde de onte, 21 de xaneiro, no entorno da praza Maior. En torno ás 16:30h, procedíase ao reparto de fariña e a partires das cinco a vila enteira converteríase nunha auténtica batalla campal co branco como protagonista. Centos de nenos, xoves e maiores, desfrutaron dunha tarde de festa onde ninguén podía nin debía quedar inmaculado. Sempre hai quen o intenta pero é un combate perdido de antemán. O Domingo Fareleiro manda a fariña.

A seguinte cita do Entroido en Xinzo será o Colgamento do Meco o sábado 27 de xaneiro “entre lusco e fusco”. Ao día seguinte, Domingo Oleiro tocaralle o turno ao xogo das olas.

Máis información na Revista do Entroido en Galicia 2018 do Periódico O Sil.
Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button