Ante os actos de vandalismo rexistrados nos últimos días no Barco, a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) vén de emitir un comunicado no que se suma “á inquietude dos empresarios e da cidadanía da vila”.
Ademais insisten nunha reivindicación que veñen mantendo dende o ano 2000 e que xa se facía pública daquela a través do Foro de Valdeorras Século XXI: a creación dun posto principal da Garda Civil na comarca de Valdeorras.
“A implantación deste servizo suporía a creación de postos específicos nas áreas funcionais de seguridade cidadá, atención ao público e investigación, e serviría para dar resposta á conflitividade actual ou potencial de localidades cun claro predominio urbano, industrial ou turístico, ou que o requiran polas súas características demográfica, socioeconómicas, de seguridade cidadá ou similares”, segundo sinala AEVA.
Dende esta organización empresarial tamén se lembra que a “última xestión realizada en relación con esta cuestión foi a reunión mantida co subdelegado do Goberno en OUrense no mes de maio do 2017, sen que ata a data tiveramos máis noticias”.