Con “vocación de converterse nun foro de intercambio de experiencias entre maiores e pequenos”, segundo o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, nace o novo Centro Interxeracional de Ourense que na mañá do 12 de marzo era visitado, entre outros, polo xefe do goberno galego e polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.
Durante o percorrido polas novas instalacións que albergarán unha escola infantil e un centro de día, Núñez Feijóo salientou as 80 novas prazas para maiores das que dispón este centro e tamén explicou que as 82 prazas da escola infantil de 0 a 3 anos contribuirán a que Galicia supere o curso que vén o limiar das 24.000 prazas de escolas infantís sostidas con fondos públicos. Ademais, subliñou que isto supón acadar unha ratio de cobertura do 41,3%, máis de 10 puntos por riba do óptimo considerado pola Unión Europea. “É dicir, 832 prazas financiadas con fondos públicos estarán á disposición da cidade de Ourense no próximo curso”, aseverou, destacando que trala entrada en funcionamento desta escola infantil, a ratio de cobertura de Ourense ascenderá ao 36%.
O presidente da Xunta lembrou que xa está aberto o prazo de matrícula en todas as escolas infantís da rede pública, polo que as familias galegas xa poden acceder ao incremento na oferta pública de prazas.