Como broche definitivo dos actos da XXXVIII Feira do Viño de Amandi, o Concello de Sober reunía no mediodía do 11 de abril aos medios de comunicación que estiveron cubrindo informativamente este evento no mes de marzo. Este encontro tiña como escenario a Escola de Hostalaría e Turismo Belarmino Fernández Iglesias.
Neste centro ofrecíaselles aos xornalistas, acompañados polo alcalde soberino Luis Fernández, un menú degustación formado por aperitivos (mexillón con pemento de Arnoia e mahonesa cítrica, xunto con Nigiri de tomate e anchoa), entrantes (tartar de caballa marinada, praliné de améndoas e encurtidos; Vieira, cebola e xamón; e Ovo fritido doutra maneira, calabacín e queixo San Simón), peixe (merluza e olivas), carne (codorniz en dúas coccións, pepino e iogur grego especiado), presobremesa (fresas e mango) e sobremesa (Borrachiño de café e limón).
Conxuntamente con estes pratos, servidos polo alumnado do centro, tamén se servían viños tintos de adegas amparadas pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra e participantes na XXXVIII Feira do Viño de Amandi en Sober.
Fotos: Carlos G. Hervella.