DeportesÚltima hora

A 17 Volta a Galicia arranca este xoves, 20 de setembro, en Verín

A carreira, na que competirán 133 ciclistas de 19 equipos, consta de catro etapas
Presentación da 17 Volta a Galicia, en Santiago. /Foto: FGC.

Tres semanas despois de que a Volta a España 2018 percorrese parte da provincia de Ourense, o ciclismo de estrada será de novo protagonista durante unha xornada, desta volta en Verín. A vila do Támega acollerá o 20 de setembro a contrarreloxo por equipos que marcará o inicio da 17 Volta a Galicia-Homenaxe a Suso Blanco Villar que rematará o domingo en Monforte de Lemos. Así o adiantaban na presentación que tiña lugar na mañá do 18 de setembro na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, nun acto que cotou coa presenza da Secretaria  Xeral para o Deporte, Marta Míguez quen valorou o ciclismo como “un dos deportes máis duros e esixentes e os ciclistas son dunha pasta especial capaces de sobrepoñerse ás adversidades mesmo saíndo fortalecidos”.

A Volta 2018 consta de catro xornadas de competición. A primeira este xoves, cunha contrarreloxo por equipos de 10 quilómetros e saída e chegada en Verín. O venres será a primeira etapa en liña Sanxenxo-Sanxenxo de 148 km. A provincia da Coruña acollerá o sábado a terceira tirada con saída e chegada en Boiro de 150 quilómetros de distancia. A rolda decidirase o domingo na capital da Ribeira Sacra sobre 146 km, que terán  salída e chegada na rúa da Compañía de Monforte de Lemos.

Un total de 133 ciclistas de 19 equipos formarán o pelotón das categorías elite e sub23. Seis conxuntos galegos estarán na liña: Grupo Supermercados  Froiz, Club Ciclista Rías Baixas, Padronés-Cortizo- Anova,  Autronic-Club Ciclista Vigués, Cambre-Renault Caeiro e Team Guerciotti- Kiwi Atlántico. A representación do resto de España compóñena os asturianos  Kuota-Construcións Paulino e Cidade de Oviedo; as formacións cántabras do Gomur, e do  Aldro; a estremeña do Bicicletas Rodríguez, os navarros do Lizarte; os madrileños de RH Polartec-Fundación Contador; os valencianos de Gsport Valencia  Wolfbike, os tinerfeños do Tenerife  Bike Point e os leoneses do Deputación de León-Arte en Transfer.

A nivel internacional, nesta edición destaca a presenza do equipo francés do Delko-A Pomme Marseille que se suma ao conxunto ruso do Lokosphinx e ao Maia Uniao Ciclista de Portugal.

Artigos relacionados

Back to top button