En portadaSanidadeÚltima hora

A 2ª edición valdeorresa da Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas recauda 19.500 euros

Serán doados integramente á Asociación de Cancro de Páncreas para os destine a becas de investigación desta enfermidade

Participantes na II Carreira e Andaina das Cidades contra o Cancro Páncreas de Vilamartín./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

As 1.200 inscricións rexistradas nas diferentes modalidades (BTT, carreira e andaina) da II Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín, máis os donativos e colaboracións recibidos, teñen suposto un total de 19.500 euros de recaudación neste evento deportivo e solidario celebrado a finais de novembro.

Así o vén de facer público a súa organización, que tamén matiza que o importe reunido será doado integramente á Asociación Cancro de Páncreas (ACANPAN) “para incorporalo á dotación para a convocatoria anual das Becas de Investigación Carmen Delgado/Miguel Pérez Mateo. A recaudación íntegra global do evento nas distintas cidades de España (en 2019 Alicante, Madrid, Murcia, Orihuela e Terrassa, ademais de Vilamartín) destinarase como sempre a proxectos de investigación sobre cancro de páncreas”.

Con estas becas preténdese financiar a investigación médica co fin de “mellorar e encontrar novas vías de prevención, tratamento e diagnóstico deste tumor, que ten a taxa de supervivencia máis baixa de todos os tipos de tumores. Dacordo coa SEOM (Sociedade Española en Oncoloxía Médica), calcúlase que se teñen diagnosticado en España durante o pasado 2019 un total de 8.169 novos casos de cancro de páncreas e que no 2017 este tumor constituíu a terceira causa de morte por cancro con 6.868 falecementos”, tal e como se indica dende a organización da carreira.

Ademais as promotras manifestan o seu “máis emotivo e sinceiro AGRADECEMENTO  a todos os participantes, particulares e entidades públicas e privadas que dalgunha forma colaboraron na organización da pasada edición da carreira en Valdeorras, xa que, por segundo ano consecutivo, e contra todo prognóstico, pois as cifras da primeira edición foron abrumadoras, batimos entre todos un novo récord de participación e de recaudación. Agora só falta batir outro récord: vencer ao cancro de páncreas”.

Máis información:
www.carreracancerpancreas.es

Artigos relacionados

Back to top button