
Polas posibilidades que ofrecen as súas montañas para os descensos en BTT, a Estación de Montaña Manzaneda volverá ser escenario do Campionato de Endurama. O domingo, 7 de maio celebrarase a terceira proba desta competición que xa se desenvolveu en Madrid e Málaga e que culminará en Ávila.
Tal e como explicaron desde a organización, a Estación de Montaña é o único escenario do campionato no que os preto de 150 participantes de todo o país dispoñerán de remontes.
A competición desenvolverase por seis pistas de diferente dificultade en 5 tramos cronometrados e un en formato avalancha no que os participantes realizarán unha baixada masiva por categorías na pista Xeitosa. Os adestramentos comezarán mañá venres, aínda que o domingo a proba comezará co primeiro corredor ás 9:30 horas e prevese que culmine ás 13:30 horas.
Os eventos deportivos seguiranse sucedendo na Estación de Montaña Manzaneda e está previsto que o 21 de maio celébrese a Extrema Manzaneda, con dúas distancias de 16 e 10 quilómetros.