OurenseÚltima hora

A 5ª edición de “Antiq Auria” reunirá en Expourense antigüidades de tres países

A feira celebrarase do 15 ao 17 de outubro e cada expositor cederá unha peza pola que os visitantes poderán puxar, a partir de 5 euros, na gran subasta do domingo

 

Esta fin de semana (do 15 ao 17 de outubro), Expourense acollerá a 5ª edición de Antiq Auria, Feira Internacional de Antigüidades, que reunirá a 35 expositores procedentes de España, Portugal e Suíza. Trátase dun evento organizado pola Asociación Memoria Antiga de Ourense coa colaboración do recinto feiral e da Deputación de Ourense. O horario de apertura será o venres 15 de outubro de 16 a 21h; e o sábado 16 e domingo 17 de outubro de 11 a 14:30 e de 16 a 21h. A entrada ten un custo de 2 euros e é gratuíta para menores de 12 anos.

Esta 5ª edición era presentada na mañá deste mércores 13 de outubro polo xerente de Antigüidades Urbano e socio fundador de Memoria Antiga, José Antonio Ferreiro, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez nun acto no que explicaron que Antiq Auria propón unha viaxe ao pasado, desde o máis afastado (século XVIII e XIX) ata os xa afastados anos 1980 e 1990, mesmo. Miles de obxectos, de pequeno e gran formato, esperan unha nova vida na quinta edición de Antiq Auria. Esta cita conta cun alto índice de fidelidade por parte dos expositores e volverá converterse en punto de encontro de nostálxicos presentando obxectos únicos e cheos de historia divididos en tres sectores: antigüidades, coleccionismo e vintage.

No referente ás antigüidades propiamente ditas (obxecto con máis de 50 anos) haberá artigos como xoguetes, teléfonos, reloxos, mobles, xoias, utensilios de prata, porcelanas, etc. Na sección de coleccionismo poderase atopar numismática, filatelia, obxectos militares e relixiosos, etc. Por último, esta cita conta tamén cunha área reservada para os afeccionados aos obxectos vintage (s. XX), que se converteron nunha moda e nun referente á hora de decorar fogares ou negocios.

Participan nesta feira expositores procedentes de todos os puntos de España e Portugal e tamén un importante expositor de Suíza que adoita participar nos principais mercados centroeuropeos de antigüidades. O obxectivo de Antiq Auria, tal e como indican desde Memoria Antiga, é “poñer en valor o antigo e que a xente conserve e tómelle agarimo ás cousas vellas porque son parte da súa historia”. Ao mesmo tempo, queren promover o hábito de comprar antigüidades.

 

O xerente de Antigüedades Urbano e socio fundador de Memoria Antiga, José Antonio Ferreiro; e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, na presentación da feira.

 

Desde esta entidade, liderada por José Antonio Ferreiro de Antigüidades Urbano e por Gerardo Román de Antigüidades A Quinta, destacan ademais que o mercado de antigüidades en Ourense é todo un referente nacional pola súa calidade e variedade e que hai moita tradición entre a cidadanía. Este é un dos motivos polos que estarán presentes nesta cita anticuarios de referencia da provincia e tamén do resto de Galicia. Ademais de punto de venda, Antiq Auria tamén ofrece a oportunidade aos visitantes de taxar e vender aqueles obxectos antigos que teñan nos seus fogares. Desde Antiq Auria indican que a oferta de pezas nesta edición é “para todos os petos, para que o público poida atopar sempre algo que lle encaixe teña o orzamento que teña”. Na sección de coleccionismo pódense atopar numismática, filatelia, obxectos militares e relixiosos, etc. Aínda que as pezas vintage seguen tendo tirón, os expositores de Antiq Auria indican que a tendencia actual son o mobiliario e os accesorios “industriais”, aquelas pezas que podían atoparse facilmente en calquera fábrica de principios do século XX. Bancos de carpinteiro, lámpadas, taburetes de ferraxería, ferramentas, andeis, aparadores, e ata unha roda de “ afiador”… pezas que hoxe en día cobran un novo valor e que demandan arquitectos e decoradores para negocios pero tamén particulares, pezas antigas pero contemporáneas ao mesmo tempo”.

Poxa o domingo

Durante esta quinta edición repetirase a “gran poxa” que terá lugar o domingo 17 pola mañá a partir das 12h. Cada expositor cederá un obxecto para poxar entre o público asistente e cada un deles terá un prezo de saída de 5 euros. “Trátase dunha boa oportunidade para facerse con pezas únicas a moi bo prezo”, explican os organizadores. Ademais, para premiar a fidelidade dos visitantes, sortearase entre todos eles unha antigüidades achegada polos organizadores.

Exposición Dinosauros

Ademais de Antiq Auria, as instalacións de Expourense acollen esta fin de semana a exposición interactiva “ Discovering Dinosaurs”. Estas dúas actividades combinadas poden supoñer un bo plan familiar para este sábado e domingo.

Artigos relacionados

Back to top button