Con cambio de ubicación por motivos organizativos, se presentaba a VI edición da Milla Urbana Nocturna das festas, organizada polo Club Atetismo Rúa. Así en lugar da rúa Miguel de Cervantes, onde estaba inicialmente prevista, era a Silveira (entre a rúa Doutor Vila e a praza Galicia) a que a acollía a proba atlética na tarde-noite do 2 de agosto, na que participaban preto de 80 persoas, a maioría nas categorías inferiores.
Os primeiros en correr eran os máis pequerrechiños, acompañados polos seus pais, e de seguido facíano os benxamíns, os alevíns e os infantís, facéndose a entrega de premios (de man do alcalde Álvaro Fernández e do concelleiro de Deportes José Vicente Solarat) ao rematar.
A última proba, a Milla, comezaba pasadas as dez e cuarto da noite para as categorías cadete, xuvenil, absoluta, veterana e súper veterana. O ganador foi o veterano José Manuel García Pérez do Adas cun tempo de 5:17, seguido por Cristian Arias cun tempo de 5:25 e Alberto Ojea do Atletismo Ourense cun tempo de 5:33.
Por categorías, en veterano masculino o primeiro foi José Manuel García (Adas), o segundo Alberto Ojea (Atletismo Ourense) e o terceiro Carlos Alberto Gracia (independente); e en veteranos feminino, a primeira foi Ana Diéguez e a segunda María José Diéguez (Atletismo Rúa). En supér veteranos o primeiro foi José Luis Rey e o segundo Francisco Bao. O mellor atleta local foi Xabier Pérez Fernández (Atletismo Rúa), primeiro tamén na categoría cadete.
Fotos: Mónica G. Bellver.