ConcellosÚltima horaVilariño de Conso

A achega da Xunta para as obras no pavillón deportivo de Vilariño de Conso ascende a preto de 16.000 euros

O delegado en Ourense, Gabriel Alén, visitaba o lugar onde destacou a axuda concedida a través da liña I destinada á "construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal"

 

Na mañá deste xoves 10 de agosto, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaba xunto á alcaldesa Melisa Macía, as obras que se están a desenvolver no Pavillón Deportivo de Vilariño de Conso, ás que a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes asignou preto de 16.000 euros a través da liña I destinada á construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal.

Alí, o delegado territorial salientou que en Ourense “foron beneficiarios 30 concellos que obtiveron un total de 43 axudas, que supuxo un investimento total na provincia de ao redor de 1,2 millóns de euros”. Por unha banda, 13 concellos recibiron axudas tanto para as súas instalacións como para material deportivo, entre eles Vilamartín de Valdeorras. Por outra banda, outros catorce municipios entre os que están A Rúa, O Barco de Valdeorras e Vilariño de Conso, recibiron subvencións para as súas infraestruturas; mentres que A Veiga, Cortegada e San Xoán de Río foron os tres concellos ourensás beneficiarios da liña II, para a adquisición material deportivo.

 

 

“Os importes das subvencións serán o 80% do investimento subvencionable, ata o límite de 50.000 euros na Liña I -instalacións- e 10.000 euros na Liña II -material-. A porcentaxe restante será achegada pola entidade beneficiaria”, puntualizou Alén, destacando que “o importe total destas axudas ascende a preto de 6 millóns de euros, dos que 3,4 millóns serán sufragados neste 2023 e os 2,4 restantes en 2024. Do orzamento total, 5 millóns de euros van destinados á liña I de instalacións deportivas e os restantes 800.000 euros á liña II de material deportivo”.

O delegado tamén explicou que dado o éxito desta convocatoria que provocou que algunhas solicitudes de entidades municipais foran desestimadas por esgotamento de crédito “a Xunta decidiu sacar unha nova convocatoria de 2 millóns de euros para poder cubrir estas e outras novas peticións”. Esta nova orde publicouse onte no Diario Oficial de Galicia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button