A través dunha nota de prensa, a alcaldesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome, vén de facer público que na mañá do 22 de febreiro comunicou á dirección do PSdeG en Ourense a súa baixa como militante, “logo de que os compañeiros da Agrupación Local decidiran que non debía ser eu quen optara á reelección encabezando a candidatura socialista, como era o meu desexo e como tiñamos acordado dende o pasado mes de xuño, como resultado de catro anos de frutífera xestión para o concello”.
Jácome amósase “profundamente defraudada pola falla de argumentos que xustifiquen o cambio de posición a través dunha decisión non consensuada, xunto co escaso interese amosado polo secretario provincial do partido para analizar con equidade a situación creada”. E por iso decide “pechar a miña etapa no PSdeG”.